O Carballo Interplay elixe a praia de Razo para organizar unha experiencia audiovisual extrema

xoves, 15 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

A edición 2018 (a quinta) certame Carballo Interplay de contidos dixitais e webseries segue a dar que falar. Se hai uns días falamos dunha das grandes novidades do programa vindeiro (unha parte do festival directamente encamiñada a xuntar creadoras/es e compradoras/es de contidos audioivisuais), agora a organización (Interplay Producións e o Concello de Carballo) desvela que o certame acubillará un Campamento Kamikaze. Ou sexa, tres días na praia de Razo para participarmos nunha “experiencia audiovisual extrema”.
O campamento desenvolverase os días 2, 3 e 4 de abril e xuntará dúas ducias de persoas para afrontaren o reto de idear, gravar e posproducir unha serie en tres xornadas de traballo intenso. “Trátase”, sinala Sonia Méndez, directora do Carballo Interplay, “de aprender facendo e traballando man a man con profesionais como David Sainz, Teresa Segura, Enrique Lojo, Óscar Cruz, Jorge Boquete, Anxos Fazáns, Silvia Fuentes e Lucía Catoira”.
O Campamento Kamikaze está dirixido a estudantes, profesionais do audiovisual e creadores/as de contidos dixitais para Internet. Serán, engade Sonia, tres días de convivencia e creatividade na contorna da praia de Razo e a serie resultante presentarase na apertura do V Carballo Interplay. As persoas interesadas en participar deben preinscribirse na web do certame, www.carballointerplay.com, cumprimentando un breve formulario no que indicarán a que se dedican e que labor lles gustaría realizar no campamento. O prezo é de 150 euros e inclúe aloxamento e pensión completa para todos os días da actividade no Raz Surf Camp. O equipamento deberá achegalo o propio alumnado.

Remata o prazo para presentar series a concurso

Por outra banda, a organización tamén lembra que este domingo, día 18, remata o prazo para presentar series á sección oficial do CIP e optar aos máis de 5.000 euros en premios que repartirá o Festival. As webseries participantes, que deben ser producidas entre os anos 2016 e 2018 e ter un mínimo de 3 capítulos emitidos no momento de inscrición, poden ser de calquera duración, temática, xénero, de imaxe real ou animación, nacionais ou internacionais. Entre as producións recibidas, un xurado composto por profesionais do mundo das webseries, do audiovisual e da cultura, así como de representantes de asociacións profesionais relacionadas co sector premiará a mellor contribución, a mellor contribución internacional e a mellor creación en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría. A escolla do público, pola súa banda, levará 400 euros e trofeo. A mesma contía recibirá a webserie gañadora do premio do xurado novo, que se estrea, precisamente, nesta quinta edición do CIP.
Asemade, haberá un premio ao mellor guión outorgado por AGAG e un premio á mellor dirección outorgado por CREA, dotados con 200 euros e trofeo. Finalmente, entregaranse cadanseu trofeo á mellor actriz e ao mellor actor.

PUBLICIDADE