O Carballo Interplay premia a T-Rex (mellor serie) e o talento galego a Miradenovo e Antontísimo
luns, 20 de abril do 2026

- Público na entrega de premios do CIP (fotos de Aigi Boga)
O festival de contidos dixitais Carballo Interplay despediu este domingo 19 de abril a súa 13ª edición coa entrega de premios do festival, nunha xornada final na que se deu a coñecer o palmarés da súa competición internacional de series de formato curto e tamén os proxectos recoñecidos nos certames dedicados á creación de contido dixital en galego.
O peche do encontro serviu así para poñer o foco tanto na diversidade e calidade das propostas audiovisuais que pasaron pola Sección Oficial como no talento que está a impulsar novas formas de creación na rede desde Galicia e en lingua galega.
No apartado internacional, o Premio á Mellor Serie, dotado con 800 euros e trofeo, foi para T-Rex (Canadá, 2024), un retrato íntimo de tres amigos de nenez que, durante unha fin de semana nunha cabana, afrontan os seus propios conflitos coa masculinidade.
Pola súa parte, o Premio á Mellor Dirección, dotado con 200 euros e trofeo, recaeu en Ruby (Francia, 2025), unha serie queer de superheroínas que segue a unha moza en plena deriva vital tras unha ruptura e a súa inesperada conversión en icona viral.

- O Premio do Público
O Premio do Público, dotado con 400 euros e trofeo, foi para The Struggle for Existence - S2 (Dinamarca, 2025), unha comedia sobre dous amigos que encaran con humor os desafíos da masculinidade contemporánea, os novos roles de xénero e a vida adulta (lembrar que a primeira tempada desta serie xa pasara pola Sección Oficial do Carballo Interplay).
Mentres, o Premio Xurado Novo, tamén dotado con 400 euros e trofeo, distinguiu Eyes In The Woods (Canadá, 2025), un misterio paranormal queer ambientado nun bosque no que se entrecruzan segredos, gardas forestais e a atracción polo descoñecido.
O Xurado Oficial da competición internacional estivo integrado por Benja Villegas, Raquel Piñeiro e Irene Pin, mentres que o Xurado Novo estivo formado por Belén Teiga, Aira Portos e Antón Lorenzo.
Recoñecemento ao talento dixital en galego

- O premio a Miradenovo (mellor canle)
No marco dos premios dedicados ao contido dixital en galego, o festival volveu visualizar e enxalzar “a vitalidade, a personalidade e a diversidade dos proxectos que se desenvolven actualmente nas plataformas dixitais en lingua propia”, en palabras da organización. O Premio á Mellor Canle, dotado con 600 euros, foi para Miradenovo, “por conectar con todo tipo de público, amosarnos as posibles futuras vidas das cousas, a visión á hora de crear unha canle con este contido tan específico en galego e facer que todas queiramos ter as casas máis trendy”.
O Premio á Mellor Creadora ou Creador, tamén dotado con 600 euros, foi para @Antontisimo, “por ser o carisma personificado, atraparnos desde o primeiro segundo e apostar por unha Internet sen artificios onde o importante é o contido. Para que nos siga dando a chapa moitos anos máis sobre as cousas que lle gustan”.
O xurado destes galardóns estivo composto por Sara Seco, Andrea Villa Feijóo e Adrián Pérez (autor do perfil @Salseologia).
Impulso á produción de novos proxectos

- O premio a Atontísimo
Ademais, o Premio á Produción de Contido Dixital en Galego, dotado con 3000 euros, foi para o proxecto Crossbooking Castelao, unha proposta de microdrama baseado na obra de Castelao. Con este recoñecemento, o festival mantén unha das súas liñas de apoio á creación dixital en galego, favorecendo o desenvolvemento de novas propostas pensadas para o ámbito en liña.
O xurado encargado de seleccionar este premio estivo integrado por Román Varela, Maite Parga e Sandra Lesta.
Ao longo de catro días, o Carballo Interplay desenvolveu no Mercado de Carballo unha programación que combinou a exhibición da súa Sección Oficial de series coas estreas de Millennial Mal e Epidemia Invisible, ademais de paneis como Scroll, scroll, STOP. As novas regras da divulgación e Internet chiquito, espectáculos e podcasts en directo como Bimboficadas, Sexo en Nueva York Podcast, Pop y Muerte, I’ll see you in my dreams, Twin Peaks e Código Fonte Audiovisual, o concerto de Pantis, as actividades de Zona PRO e as propostas arredor da creación de contido dixital en galego.
“A 13ª edición pechou así reafirmando o seu papel como unha cita de referencia para a reflexión, a exhibición e o impulso ao talento arredor da cultura dixital contemporánea”, sinalou a organización, formada polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo co apoio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais.
