O Castelo de Soutomaior bota da man das novas tecnoloxías para a súa nova vida

venres, 18 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

Semella que a Deputación de Pontevedra quixo renovar o Castelo de Soutomaior en todo o sentido do termo: non só rehabilitalo e darlle nova vida cara a súa “musealización”, senón complementar o proceso con innovación en si mesma. Así se fixo saber na inauguración da nova faciana do senlleiro e histórico inmóbel, celebrada este 15 de maio e contando coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto ás deputadas e deputados do Goberno provincial, que debullaron o devandito proceso de transformación para situar o castelo entre os mellores do mundo e “entre os máis e mellor dotados da máis avanzada tecnoloxía”. A idea é empregar as novas ferramentas para dar forma ao novo programa expositivo e ampliar a comunicación cos visitantes.
Na cita, na que se puxo en valor a historia do edificio, participaron centos de persoas dos eidos público, social, económico, cultural, turístico, deportivo e veciñal da provincia. Entre outras cousas, púxose o foco nos diferentes espazos que acubilla agora o castelo, dez salas con todo tipo de recursos innovadores e tecnolóxicos: dende servizos de vídeomapping, proxeccións en 3D e audiovisuais interactivos, até reproducións de documentos históricos, xogos e maquetas que recollen a historia do castelo desde o século XII até a actualidade.
O investimento destinado pola Deputación para os traballos de recuperación e musealización foi de dous millóns de euros, aos que se engadirán outros dous o vindeiro ano. Boa parte do percorrido proposto “vén da man” de persoeiros históricos como María Vinyals (marquesa de Ayerbe, nada no propio castelo) ou Antonio Aguilar, situados na zona residencial, e tamén dos integrantes da familia Soutomaior, que acompañan aos visitantes polas estancias inferiores e polas torres. Para estes percorridos e esa interactividade cos visitantes, o castelo bota man das novas tecnoloxías. De feito, dispón de paneis informativos e interactivos, mesas virtuais, proxeccións con tecnoloxía 3D e un mapeado interactivo.

PUBLICIDADE