O Centro Ramón Piñeiro presenta unha web que xeorreferencia os santuarios das Cantigas de Romaría
martes, 17 de decembro do 2024
O Pazo de San Roque (Santiago) acolleu este martes 17 de decembro a presentación dun novo recurso en liña do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades: unha ferramenta que xeorreferencia os santuarios evocados nas Cantigas de Romaría, unha modalidade das coñecidas como as de Amigo.
Na presentación desta páxina web, creada polas directoras do proxecto, Pilar Lorenzo e Mercedes Brea, o secretario xeral de Lingua, Valentín García, considerou “esencial” a posta en marcha destes recursos para a investigación das Cantigas de Romaría, que son propias da Lírica profano galego-portuguesa e que “teñen esta denominación porque citan os santuarios e lugares de peregrinación a ermidas, onde se atopaban os namorados protagonistas destas composicións”.
Valentín García explicou que, dentro das Cantigas de Amigo, existe un grupo de textos da autoría de poetas diferentes que “dotaron os seus versos dun selo único ao situalos nunha ermida, santuario ou igrexa”. Ao respecto, precisou que na maioría dos casos cada trobador ou xograr menciona un haxiotopónimo propio, “que se acaba convertendo nun signo de autoría que non pasa desapercibido para os expertos na materia nin para os propios lectores”.
García lembrou que “a singularidade” deses textos foi a que determinou que as responsábeis do proxecto Lírica profana galego-portuguesa do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades decidisen poñer en marcha este novo recurso. Segundo detallou, esta páxina web ofrece unha serie de mapas nos que aparecen xeorreferenciados os santuarios citados, ao tempo que inclúe un estudo desta modalidade das Cantigas de Amigo. Ademais incorpora imaxes actuais daqueles escenarios xeográficos.
O secretario xeral tamén fixo saber que o novo recurso facilita ás persoas usuarias a “bibliografía esencial” para o estudo das Cantigas de Romaría e refórzanse as ligazóns que vinculan cada autor á súa biografía e á súa produción na Base de datos de Poesía Profana Galego-Portuguesa coa que conta o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.