O Centro Ramón Piñeiro rende homenaxe a unha das súas principais impulsoras: a sonense Blanca Ana Roig Rechou

luns, 4 de outubro do 2021 S. P.

O Centro Ramón Piñeiro para Investigación en Humanidades (CRPIH), referente galego e estatal en tecnoloxías lingüísticas e outros achados innovadores en materia de lingua, historia, literatura e antropoloxía, vén de render homenaxe a Blanca Ana Roig Rechou, unha das principais impulsoras da creación e desenvolvemento do centro, con motivo da súa xubilación.
Valentín García, o máximo responsábel da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da que depende o CRPIH, foi o encargado de entregar á investigadora o primeiro exemplar de Verbas amigas, un volume de homenaxe en agradecemento polas súas contribucións á cultura galega.
O acto conmemorativo celebrouse este 1 de outubro, no Auditorio da Cidade da Cultura.
Valentín García expresou o agradecemento a Blanca Ana en nome da Consellería de Cultura, Educación e Universidade “por toda unha vida dedicada a ensinar e divulgar o coñecemento da nosa lingua e literatura, ademais de ser sempre unha gran dinamizadora cultural fiel aos seus principios e á súa xente”. E engadiu, respecto da publicación: “Este acto e este libro non son o remate de nada, simplemente marca unha efeméride no camiño da vida dunha profesora e amiga á que lle quedan moitos proxectos por iniciar e á que necesitamos no día a día da lingua galega”.
Na homenaxe tamén tomaron parte Manuel González González, coordinador científico do CRPIH; Víctor F. Freixanes, presidente da RAG; José Antonio Gomez, profesor da Escola Superior de Educação do Instituto Politécnico do Porto, e a propia Blanca Ana Roig.
Ademais, a homenaxeada estivo arroupada por case un centenar de colegas e compañeiros da investigación e da docencia que quixeron loar a profesora con ocasión da súa xubilación.
Blanca Ana Roig Rechou (Portosín, 1949) é unha das ensaístas máis relevantes no ámbito da literatura infantoxuvenil peninsular. Catro décadas dedicadas ao estudo desta escrita en Galicia fan dela non só unha pioneira, senón unha referencia de autoridade neste eido. Coordinadora da Red Temática de Investigación Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano (LIJMI), investigadora principal do Grupo LITER21 da USC, presidenta da Asociación Nacional de Investigación de Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ), fundadora da Asociación Galego- Portuguesa de Investigación en Literatura Infantil e X/Juvenil (ELOS) e, ata agora, profesora da Universidade de Santiago durante case medio século.
Co gallo da súa despedida das aulas, a Xunta de Galicia, a través do Centro Ramón Piñeiro que ela axudou a fundar e da que foi investigadora e logo directora da Área de Literatura, editou o volume Verbas amigas. Estudos en homenaxe a Blanca Ana Roig Rechou, en agradecemento polas súas contribucións á cultura galega ao longo de todos estes anos. O libro reúne máis de medio cento de colaboracións nas que colegas docentes, ilustradores, compañeiros en grupos de investigación, alumnado de seu e mais escritores e ensaístas achegan os seus textos para a homenaxear.
30 aniversario do IGADI
A capital galega tamén acolleu este primeiro de outubro outra homenaxe, a de Xulio Ríos, fundador e presidente de honra do IGADI. Coincidindo co 30 aniversario desta institución, o Pazo de Raxoi, seo do Consello da Cultura Galega, reuniu a numerosos representantes da cultura, política e ciencia galegas. O secretario xeral de Política Lingüística asistiu polo serán a este acto-homenaxe presentado por Daniel González Palau, director do IGADI. Fundado en 1991, este instituto leva traballando tres décadas no estudo das relacións internacionais e institucionais así como na proxección de Galicia no mundo.

PUBLICIDADE