O Centro Torrente Ballester de Ferrol acolle esta fin de semana o encontro do sector do videoxogo Ferrol ID
xoves, 28 de xullo do 2022
O
Concello de
Ferrol e a Koffi Game Association organizan neste remate de xullo, o
sábado 30 e o domingo 31 de xullo, o Ferrol ID 2022, un evento
centrado no sector do videoxogo que ten como obxectivo “fomentar o
networking entre profesionais con experiencia e novos
talentos”. A concelleira de Promoción Económica, María Teresa
Deus; o presidente de Koffi, Javier Deus, e o presidente de TIC
Ferrolterra, Pablo Rivera, presentaron o encontro a semanada pasada.
O evento conta coa colaboración desta última entidade, de AJE e da
Universidade da Coruña.
Ferrol
ID terá como sede o Centro Torrente Ballester e contará con catro
profesionais de diferentes estudios que ofrecerán cadansúas clases
maxistrais. Qar, de Qaramelo Videoxogos (Ourense) falará sobre
emprendemento; Félix, de Out of the Blue (Madrid), sobre arte
técnico en Unreal; Álex, de Wild Cat Records (empresa de
composición de bandas sonoras), sobre deseño sonoro, e J.C.
Montero, de Red Mountain Games (Madrid), sobre deseño narrativo. A
inscrición é gratuíta e ficará aberta ata o 26 de xullo.
María
Teresa Deus destacou que “o evento representa un magnífico exemplo
de actividades xeradoras de emprego”. Lembrou que a industria do
videoxogo en España “é unha das dez máis punteiras do mundo” e
que a súa facturación vén medrando sen interrupción durante anos.
Ademais, dixo, o número de postos de traballo increméntase no
sector a un ritmo dun 8,5 % anual. Deus agradeceu a colaboración da
Universidade, que facilitou a residencia universitaria para o
aloxamento dos participantes, como tamén o apoio de TIC Ferrolterra
e AJE.
Pola
súa banda, Pablo Rivera dixo que a cita deixará ver o valor que hai
na cidade dentro deste sector. “En Ferrol temos a sorte con contar
tanto con empresas como persoas referentes que traballan dende aquí”,
destacou.
Javier
Deus precisou que “dende o primeiro momento tratouse de organizar
un evento para profesionais e por profesionais”, abrindo a
participación a diferentes perfís, “non necesariamente do propio
sector, pero si con potenciais conexións con el, como poden ser
deseñadores gráficos”.
En
canto ao programa, a mañá do sábado 30 estará dedicada ás clases
maxistrais, mentres que pola tarde haberá mesas redondas rotativas,
unha presentación por parte de AJE e outra de Koffi Game
Association. A xornada pecharase nun espazo de proba de videoxogos
indie. O domingo, os participantes terán oportunidade de
realizar un percorrido en lancha pola ría de Ferrol e entre as 12.30
e as 13.00 levarase a cabo a clausura.