O Centro Xove da Almáciga, en Santiago, volve ofrecer formación tecnolóxica

mércores, 17 de setembro do 2025 S. P.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou este mércores 17 de setembro a programación do Centro Xove para o novo curso, acompañada por Manuel Fernández, técnico do departamento de Mocidade, e por María Alonso, xestora cultural do Centro Xove.
A tenenta de alcaldesa salientou que a programación “combina as propostas lúdicas coas culturais, ofrece unha alternativa de ocio saudable e procura a integración social e a participación dos mozos e mozas”.
Pola súa banda, María Alonso explicou que “máis do 50% das actividades xorden do programa Participa!, que ten en marcha o Centro Xove para recoller e impulsar os proxectos da propia mocidade”.
Ao longo do curso, o Centro Xove acollerá un total de 20 actividades permanentes anuais. Unha das máis innovadoras, sinalaron, é a Aceleradora de proxectos musicais, un programa que permitirá que as bandas residentes da Almáciga se posicionen na industria musical e adquiran os coñecementos necesarios para participar nos diferentes concertos impulsados desde o departamento de Mocidade. Para iso, ao longo de tres meses os grupos participantes recibirán formación en cuestións que van desde o modelo de negocio e o desenvolvemento da imaxe de marca ata a escenografía, o vestiario, ou a xestión do público, pasando polas claves da gravación en estudo ou os dereitos de propiedade intelectual. No programa poderán participar tres bandas por trimestre.
A programación inclúe ademais actividades técnicas como un podcast sobre a realidade da industria musical en Galicia ou a gravación de material audiovisual para a promoción das bandas; propostas tecnolóxicas, como o obradoiro Crea a túa propia marca; actividades socioculturais, como ioga, artes escénicas, club de bordado ou club de sendeirismo; e obradoiros relacionados co deseño, como cómic, deseño gráfico para proxectos musicais, ou técnicas de ilustración contemporánea. Por último, mantéñense as actividades de creación que pretenden ser espazos de encontro e diálogo para os mozos e mozas.