O Centro de Arte María José Jove impulsa unha plataforma para defender os montes veciñais
venres, 3 de xullo do 2026

- Miguel Teodoro, DanVy Vu, Carlota González e Sofía Yáñez na presentación de Florestania.
- Imaxe de Manu Serrano.
O Centro de Arte Fundación María José Jove impulsou a creación do Atlas da Asemblea dos Comunais (The Atlas of the Commons Assembly), unha innovadora plataforma dixital participativa deseñada para apoiar a defensa, documentación e xestión a longo prazo dos montes veciñais en man común de Galicia fronte aos modelos intensivos de extracción de recursos.
Segundo explicou o centro, este prototipo tecnolóxico nace dentro do programa europeo Organismo 2026 | Arte en ecoloxías críticas aplicadas.
Impulsado pola fundación de arte TBA21-Academy xunto ao Museo Nacional Thyssen-Bornemisza, este prestixioso programa de estudos reúne a artistas, científicos e activistas de todo o mundo para deseñar solucións prácticas ás crises ecolóxicas actuais.
Tras seis meses de investigación interdisciplinar (desenvolvida entre xaneiro e xuño) repartida en cinco células de traballo internacionais, o programa presentou esta mesma semana no Salón de Actos do Thyssen-Bornemisza, os prototipos resultantes. Entre eles destaca o caso de estudo galego, bautizado como Florestania, que foi facilitado e vertebrado sobre o territorio polo Centro de Arte FMJJ en colaboración coa Fundación Montescola e baixo o asesoramento artístico do reputado arquitecto brasileiro Paulo Tavares (gañador do León de Ouro na Bienal de Venecia 2023). O equipo de investigación contou con Carlota González Gómez, Miguel Teodoro, Sofía Yáñez Perteagudo, DanVy Vu, Rita Delgado Correcher, Rosie O’Reilly e Ana Núñez Rodríguez.
Mentres que as outras catro células do programa Organismo 2026 analizaron temas como o impacto do turismo de masas en Mallorca ou as dinámicas da desinformación tecnolóxica, o caso impulsado polo Centro de Arte FMJJ centrouse especificamente “na gobernanza colectiva e a rexeneración ecolóxica en Galicia”, en palabras do centro “unha comunidade marcada pola expansión da silvicultura industrial, os incendios e por algunhas tensións derivadas de distintos proxectos mineiros”.
Inspirado na idea de "cidadanía forestal", o proxecto explorou como as prácticas comunais de coidado da terra poden contribuír á xustiza ambiental, a memoria e a restauración territorial.
De feito, un exemplo que os investigadores puideron coñecer de primeira man durante o seu traballo de campo son as Brigadas Deseucaliptizadoras (en orixe habilitadas en Froxán, Lousame), unha iniciativa de voluntariado ambiental que promove a eliminación do eucalipto para favorecer a recuperación do bosque autóctono e a biodiversidade.

- Presentación do programa Organismo nunha imaxe de Manu Serrano
O punto de partida da investigación foi a hipótese “de que os montes veciñais en man común poden actuar como un espazo de salvagarda fronte aos modelos intensivos de extracción de recursos naturais, nun contexto marcado polo abandono rural e polas presións derivadas de proxectos mineiros, das iniciativas vinculadas á exploración e explotación de minerais -incluídas as terras raras- e do despregamento de infraestruturas enerxéticas”.
Ante este escenario, o equipo de investigadores desenvolveu O Atlas da Asemblea dos Comunais, unha plataforma dixital participativa deseñada para apoiar a defensa, documentación e xestión a longo prazo dos montes veciñais en man común de Galicia.
A ferramenta web que agora ve a luz grazas ao impulso do Centro de Arte FMJJ estrutúrase ao redor de dúas capas interconectadas: un mapa base con datos institucionais sobre infraestruturas de extracción de recursos naturais e outras presións ambientais, e unha capa comunitaria baseada en coñecemento situado que integra cartografías entrelazadas, visualizacións forenses e testemuños audiovisuais.
A través de obradoiros coas comunidades de montes, este atlas xerará novas formas de documentación e evidencia territorial -desde o remapeado de límites ata a reconstrución de arquivos- co obxectivo de fortalecer a toma de decisións colectiva e contribuír á protección destes territorios comunais. Este prototipo nace con vocación de converterse nun arquivo vivo do territorio que, a partir dunha serie de casos de estudo, poida ampliarse progresivamente.
Pola súa banda, Organismo é un programa de investigación aplicada que combina arte, investigación e compromiso cívico para dar resposta aos desafíos ecolóxicos e sociais actuais. É unha iniciativa conxunta de TBA21–Academy e o Museo Nacional Thyssen-Bornemisza que traballa con artistas, investigadores, institucións e comunidades locais para desenvolver respostas situadas fronte aos retos planetarios máis urxentes.
