O Centro de Ciberseguridade Tegra celebra o seu aniversario facendo balance de éxitos

martes, 20 de setembro do 2022 S. P.

Este martes 20 de setembro, baixo o epígrafe Innovación e ciberseguridade para unha Galicia máis resiliente, celebrouse o aniversario do Centro de Innovación e Ciberseguridade Tegra, centro promovido ao abeiro da Unidade Mixta de Investigación (UMI) IRMAS e a través da colaboración do Centro Tecnolóxico Gradiant e Telefónica co apoio da Xunta de Galicia (a través da Axencia Galega de Innovación).
Na cita, celebrada por vídeo-conferencia, participaron algúns dos principais responsábeis destas entidades, por exemplo a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, quen cualificou a UMI IRMAS “de éxito de colaboración público-privada”, logo de cinco anos de traballo, máis de 5 millóns de investimento na Comunidade a contratación de corenta profesionais altamente cualificados.
A UMI é unha das 55 Unidades Mixtas de Investigación desenvolvidas en Galicia, coa participación de 39 empresas, na súa maioría grandes compañías, e 14 centros de coñecemento, e un investimento mobilizado de case 155 millóns de euros.
Argerey que puxo en valor o modelo que promove o programa de Unidades Mixtas de Investigación impulsado pola axencia, lembrou “o esforzo que se está a facer por apoiar o ecosistema galego de I+D+i”.
Lembrar que IRMAS (acrónimo de Information Rights Management Advanced Systems) é un alianza de Gradiant e a operadora Telefónica, encadrada no ámbito da ciberseguridade avanzada e co obxectivo de dar forma a solucións innovadoras para a protección de datos, tecnoloxías, servidores, comunicacións e demais.
Ao abeiro deste proxecto impulsouse precisamente Tegra, o Centro de Ciberseguridade de Galicia.
As unidades IRMAS e IRMAS 2 están centradas en desenvolver solucións para que as empresas poidan mellorar os seus procesos de manexo de datos con todas as garantías de seguridade.

PUBLICIDADE