O Centro de Día de Marín organiza un obradoiro de novas tecnoloxías

mércores, 22 de xaneiro do 2025 S. P.

O Centro de Atención a Persoas Maiores de Marín, pertencente á Rede de Centros de Maiores da Xunta, realizará unha actividade de capacitación e adestramento tecnolóxico aberta ao público dende o mércores 22 de xaneiro ata o 9 de abril de 2025. O Obradoiro de Achegamento as Novas Tecnoloxías desenvolverase en horario de mañá, dende as 11:00h ata as 12:00h, na Aula CeMIT da Biblioteca Municipal de Marín, emprazada no 8 da avenida de Ourense.
O obxectivo deste obradoiro é “ofrecer á comunidade os nosos servizos e contribuír no benestar social das persoas maiores do municipio”. Fontes do Concello explicaron que “con este obradoiro pretendemos brindar apoio ás persoas maiores no uso das novas tecnoloxías para que poidan desenvolverse na súa vida diaria e sexan coñecedores tanto das utilidades e beneficios como dos perigos e limitacións do seu uso”.
O teléfono de contacto para anotarse é o seguinte: 636 578 034 (é preciso chamar ou mandar unha mensaxe para anotarse).