O Centro de Dinamización de Sada remata agosto con máis de 40 novos usuarios e usuarias

xoves, 10 de setembro do 2009 Raquel Noya

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información continuou en agosto co seu traballo decidido en prol da inmersión da sociedade galega nas TIC na localidade de Sada, formando a 26 persoas en actividades que se estenderon ao longo de 36 horas.
Ao longo do pasado mes impartíronse na localidade coruñesa, diversos obradoiros de alfabetización dixital como Iniciación á Informática, Iniciación a Internet e Iniciación ao correo electrónico dando resposta á gran demanda que se viña dando no concello no tocante á alfabetización dixital.
Asemade, 44 persoas inscribíronse como usuarios/as da Rede para poder aproveitar (sempre de balde) as instalacións e iniciativas que o devandito Centro oferta nas horas de aula aberta, a cal foi empregada nun total de 834 ocasións.
En canto aos números xerais da Rede, desde que botara a andar neste concello de Sada en xaneiro de 2008, foron xa 853 os usuarios e usuarias que fixeron o carné da RDSI. Neste tempo leváronse a cabo 142 obradoiros nos que se formou a 1084 participantes. Aínda que os obradoiros son a principal actividade formativa que oferta a Rede, tamén se fixeron 12 relatorios e 3 iniciativas, nas que participaron 231 persoas.
Para este mes de setembro, o devandito Centro ten programada a realización de novos obradoiros tecnolóxicos, como é Procesador de textos: Writer, así como un relatorio de procura de emprego por Internet, que terá lugar o vindeiro 25 de setembro no CDSI de Sada.

PUBLICIDADE