O Centro de Estudos de Xénero da UDC organiza un seminario en liña sobre violencias de xénero dixitais

martes, 12 de decembro do 2023 S. P.

Este xoves 14 de decembro celebrarase dende a UDC o seminario en liña Mapeando Violencias de Xénero Dixitais, organizado polo Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF) da Universidade da Coruña en colaboración coa ONG Ecos do Sur e co apoio do Concello da Coruña. O seminario, que poderá seguirse a través de Teams, inclúe un total de oito relatorios impartidos por expertos españois e internacionais na materia. Desenvolverase en horario de 10:00 a 19:00 horas.
Trala inauguración da xornada, o programa dará comezo coa conferencia Ciberviolencia de xénero contra mulleres políticas: un fenómeno tecno-social impartida ás 10:30 horas por Eleanora Espósito, investigadora do Instituto para a Cultura e a Sociedade da Universidade de Navarra e experta nacional en comisión de servizo no Instituto Europeo para a Igualdade de Xénero. Eleonora, alumna do programa da Unión Europea Marie Skłodowska-Curie, foi investigadora principal de WONT-HATE (2019-2021), un proxecto no que explorou os motivos, as formas e os impactos da violencia en liña contra as mulleres na política da UE.
A continuación, ás 11:30 horas, a profesora Laura Castro Souto e a investigadora Lucía Álvarez Crespo, da UDC, presentarán o proxecto AGITATE. Asimetrías de xénero na comunicación política dixital. Este estudo trata as asimetrías de xénero dentro da comunicación política dixital. O obxectivo é analizar como se comunica e se representa ás mulleres políticas no ámbito dixital e afondar nas prácticas comunicativas en política, examinando as diferenzas de xénero, poñendo especial atención na violencia dixital e tentando entender as experiencias e respostas das mulleres na política fronte a estes retos. O proxecto, liderado pola Universidade da Coruña e financiado polo Instituto de las Mujeres, conta cun equipo interdisciplinar con persoal investigador da Universidade Complutense de Madrid, a Universidade de Valladolid, a Universidade Rey Juan Carlos e a Universidade de Vigo.
Posteriormente, será a quenda da xornalista Carmen Mesa coa súa intervención sobre Como a loita contra a desinformación pode frear o antifeminismo, ás 11:45 horas. Mesa é xornalista de Maldita, un xornal dixital español constituído como fundación sen ánimo de lucro dedicado ao fact checking (ou comprobación de feitos). O obxectivo deste medio é verificar informacións que circulan en Internet, sobre todo en redes sociais, e dotar aos cidadáns de ferramentas para detectar falsas informacións.
O programa continuará ás 12:45 horas co relatorio Abrindo Fío, impartido pola técnica en comunicación dixital da ONG Ecos do Sur Irene Tomé Urresti, quen ademais adícase á investigación sobre a análise do discurso na Universidade de Santiago de Compostela.
A sesión matinal rematará coa conferencia Respostas feministas ás ciberviolencias machistas que afectan ás mulleres con relevancia pública en redes sociais, impartida ás 13:00 horas por Jordi Bonet Martí. Profesor do Departamento de Socioloxía da Universidade de Barcelona, Bonet é graduado en Filosofía e Educación e ten un mestrado en Xestión da Comunicación Política e Electoral e un doutorado en Psicoloxía Social pola Universidade de Barcelona. As súas áreas de investigación son as políticas públicas, os movementos sociais e o feminismo.
Tralo xantar, as conferencias retomaranse ás 16:00 horas a cargo de Elisa García Mingo, quen falará sobre Manosfera e troleo de xénero. García Mingo é profesora do Departamento de Socioloxía: Metodoloxía e Teoría, da Facultade de Ciencias Políticas e Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid, onde forma parte do Grupo de Investigación da Cibercultura e os Movementos Sociais: Cibersomosaguas.com.
Xa ás 17.00 horas será a quenda da intervención de José Antonio Ramos, profesor da área de Dereito Penal e membro do grupo de investigación Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI da UDC, quen afondará na realidade criminolóxica das ciberviolencias. Na actualidade, Ramos imparte docencia no Programa de Simultaneidade do Grao en Administración e Dirección de Empresas e o Grao en Dereito.
Finalmente, a docente da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade Autónoma de México Alejandra Nallely Collado será a encargada de impartir a última das conferencias da xornada. Será ás 18:00 horas, baixo o título Activismos feministas e prácticas de resistencia no entorno dixital en México. Collado posúe unha ampla formación no eido da comunicación, a docencia e a investigación en temas de feminismos, inclusión e diversidades, xestión cultural e de proxectos.