O Centro de Formación Audiovisual de Lugo estrea en FITUR a súa curta premiada por Netflix

venres, 20 de xaneiro do 2023 S. P.

O salón turístico FITUR, que se celebra estes días no IFEMA de Madrid, acolleu este venres 20 de xaneiro a estrea de Amor Viaxeiro, unha curtametraxe realizada polo alumnado do Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo que resultou premiada pola plataforma de streaming Netflix e por Turespaña no concurso Cómo dirías que es España sin decirlo.
Na estrea participaron (entre outras personalidades) o presidente da entidade provincial lucense, José Tomé Roca, e a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, quen eloxiou a calidade da peza. Esta, segundo salientou a Deputación, tivo unha gran acollida entre o público asistente á súa proxección. No acto tamén foron estreadas as outras catro curtas galardoadas no certame nacional, seleccionadas entre as 40 candidaturas presentadas.
Na proxección tamén fixeron acto de presenza a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, así como o actor Chechu Salgado, o actor soberino premiado cun Goya no 2022 que protagoniza a nova campaña de promoción turística da Deputación, Lugo, Provincia Románica, presentada precisamente pola institución no marco da Feira Internacional de Turismo.
Tomé felicitou aos alumnos e alumnas do Centro de Formación Audiovisual da Deputación galardoados no certame de Netflix e Turespaña, tanto polo “tema abordado na curta, como pola propia realización e produción”. E egnadiu: “Fan unha extraordinaria promoción do territorio, pero van máis alá e abordan un tema de calado social. Transmiten calidade técnica e ó mesmo tempo valores moi importantes para a sociedade”.
Lucas Alba, Mario Bello, Miguel Bouzas, Sara Casanova, Erea Díaz, Mateo Longa e Paula Vilariño son os autores da curta Amor Viaxeiro, que realizaron baixo a supervisión do seu titor, Hugo Fernández. Presentaron o pasado xuño a súa idea a responsábeis de Netflix e Turespaña, de quen recibiron 7.000€ euros para a produción, filmación e prostprodución do proxecto. O audiovisual promociona o territorio provincial e autonómico, incluíndo, por exemplo, espazos da Mariña e da Ribeira Sacra.
A curta Amor viaxeiro, rodada en galego, conta a historia de Uxía, unha rapaza galega que percorre a provincia de Lugo e Galicia na procura dos recordos da súa avoa, que sofre alzhéimer.

PUBLICIDADE