O Centro de Resposta a Incidencias da Seguridade da Información entra na rede estatal impulsada polo CCN
venres, 30 de setembro do 2022
O
Centro de Resposta a Incidentes da Seguridade da Información de
Galicia (CSIRT.gal), dependente da Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), integrouse formalmente na Rede
Nacional de Centros de Operacións de Ciberseguridade (RNS) impulsada
polo Centro Criptolóxico Nacional (CCN). A dita rede encárgase da
colaboración e o intercambio de información entre todos os Centros
de Operacións de Ciberseguridade (SOC) das distintas
administracións. A finalidade é “mellorar as capacidades
nacionais de defensa, detección e resposta a posibles
ciberincidentes”. Tamén actuará como enlace cos diferentes SOC
europeos.
Segundo
explica AMTEGA, Galicia é a sexta comunidade autónoma que se
integra na rede, da que tamén forman parte organismos dependentes
dos gobernos de Madrid, Comunidade Valenciana, Aragón, Rexión de
Murcia e Canarias. Tamén forman parte dela concellos como o da
Coruña, deputacións provinciais, empresas e a Secretaría Xeral de
Administración Dixital dependente da Vicepresidencia Primeira do
Goberno.
“A
entrada do CSIRT.gal na rede nacional complementa as medidas que puxo
en marcha a Xunta para facer fronte aos novos retos de
ciberseguridade, con investimentos que se achegan aos 18 millóns de
euros e que inclúen a creación do Centro de Excelencia en
Ciberseguridade de Galicia”, explican fontes da axencia galega,
salientando que en marzo de 2020, a Xunta puxo en marcha o Nodo de
Ciberseguridade Ciber.gal, que “converteu a Galicia na primeira
Comunidade en dispoñer dunha estrutura de cooperación
público-privada nesta materia”.
Na
súa constitución, ademais do Goberno autonómico, participaron o
Instituto Nacional de Ciberseguridade e o Centro Criptolóxico
Nacional, as catro Deputacións galegas e a Federación Galega de
Municipios e Provincias. Desde entón, ademais, estanse a sumar ao
nodo unhas 40 entidades privadas e as tres universidades galegas.
Entre
as actividades promovidas polo Nodo Ciber.gal atópase a organización
do II Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, que se celebrará
os vindeiros 9 e 10 de novembro no Edificio Fontán da Cidade da
Cultura de Galicia. A esta cita poderán acudir, de xeito gratuíto,
estudantes, pais, titores, avós, profesionais do tecido empresarial
galego e tamén das Administracións.