O Chanfaina Lab estrea este sábado os filmes da súa 9ª edición e o Premio Bernardino de Lamas
venres, 14 de febreiro do 2025
A novena edición do Chanfaina Lab, iniciativa de contidos audiovisuais veciñais impulsada polo Concello de San Sadurniño, chega esta fin de semana a un dos seus puntos culminantes, coa gala deste sábado 15 de febreiro (a partir das 17.30 horas), na que se proxectarán “as exquisitas películas filmadas durante a primeira fin de semana do pasado mes de setembro”. O encontro audiovisual nacido en 2014 trae este ano un total de 24 pezas que se estrearán na cita deste sábado na Casa da Cultural, un evento conducido polo actor Fran Nogueira que arrancará coas presentacións das realizadoras e realizadores participantes para, deseguido, meterse na sesión continua de proxeccións.
Antes entregarase o Premio Bernardino de Lamas, que bota a andar nesta edición como recoñecemento á traxectoria daquelas persoas que teñan demostrado o seu compromiso coa creación audiovisual. O primeiro premiado será o realizador, escritor e profesor ourensán Alberte Pagán.
O premio toma o nome dun dos varios pseudónimos utilizados polo xornalista Alfonso Piñón Teixido (Ferrol, 1887 – Madrid, 1973), quen ademais de articulista tamén foi escritor, membro do Partido Galeguista e amante da paisaxe, especialmente da do Val de Lamas. De aí que asinase moitos artigos como “Bernardino de Lamas”, aínda que tamén utilizou o alcume de “Luis de Narahío”.
24 curtas
O programa das estreas do sábado 15 de febreiro -Casa da Cultura, 17:30h, entrada libre- partirase en dous pases: un que comezará sobre as 18:30h con 13 pezas e unha duración aproximada de 75 minutos, e outro a partir das 20:00h, tras un cuarto de hora de descanso, que rematará sobre as 21:00h ou quizais un chisco máis tarde.
Son 24 pezas en total producidas por Ángela Arnosa, Irene Ávila, Bieito Beceiro, Cruz Piñón; Fran da Lobeira, Fon Cortizo, Fernando Cortizo, Xosé Antón Bocixa / Mónika Chorén, Kevin lorenzo, Iago Lourido, María Martelo, Carlos Martínez-Peñalver, Pablo Martínez, Anxo Pena, Cora Peña, Héctor Pousa, Eva Lareo; Manuel Recouso, Isabel Rei, Álvaro Trigo, Abel Vega, Andrea Zapata-Girau e os colectivos A Rigueira, NaraíoMedia, Teño unha horta, The Sun Girls.
Trala gala de estrea as curtas do Chanfaina Lab irán reestreándose na canle de Youtube de Fálame de San Sadurniño a razón de dúas historias cada venres desde o 7 de marzo.
O Chanfaina lab é unha iniciativa de creación audiovisual colectiva promovida polo Concello de San Sadurniño co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña.