O CiTIUS acolle este xoves unha xornada de portas abertas para estudantes de grao e mestrado
martes, 5 de maio do 2026

- Imaxe dunha xornada de portas abertas no CiTIUS
- Imaxe de Santi Alvite
O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) organiza unha xornada especial dirixida ao estudantado de grao e mestrado da Universidade de Santiago de Compostela.
Segundo informou a USC, o evento constitúe “unha oportunidade única” para coñecer de preto o traballo desenvolvido no centro, así como as vías de acceso e oportunidades para dar os primeiros pasos nunha carreira investigadora.
A actividade desenvolverase no CiTIUS o xoves 7 de maio, entre as 12:30 e as 13:45. Para participar, tan só é necesario formalizar a inscrición previa a través do formulario oficial da xornada, xa que as prazas son limitadas.
A xornada comezará cunha presentación institucional a cargo da dirección do centro, onde se explicarán as principais opcións que ofrece para o estudantado universitario: dende o seu programa de bolsas de verán e os contratos de inicio á investigación, así coma outras oportunidades de carreira.
Logo realizarase unha visita guiada polos laboratorios de Robótica, Microelectrónica e Realidades Intanxibles, orientada a mostrar exemplos prácticos das liñas de investigación que se desenvolven no centro e os retos tecnolóxicos que abordan. No laboratorio de Robótica o estudantado poderá coñecer sistemas colaborativos e plataformas móbiles; no de Microelectrónica, equipo para deseño e caracterización de circuitos integrados; e no de Realidades Intanxibles, un espazo multi-persoa de realidade virtual con tecnoloxía inmersiva.
