O CiTIUS celebra mañá unha completa xornada de demostracións

xoves, 2 de xullo do 2015 Redacción

Mañá celebrarase no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS) o encontro Inside The Lab, unha xornada de presentación de tecnoloxía na que se amosarán os resultados de investigación únicos obtidos ao longo dos últimos anos nese centro senlleiro da Universidade de Santiago de Compostela (USC), moitos deles á vangarda da innovación mundial.
O obxectivo fundamental desta demostración é presentar algunhas das solucións de alta calidade que actualmente nutren a oferta tecnolóxica do centro, con aplicacións en múltiples eidos da actividade industrial.
O traballo desenvolvido nos laboratorios do CiTIUS está a transformar resultados científicos en tecnoloxías innovadoras, o que representa unha extraordinaria oportunidade para o sector empresarial, xa que achega valor ao tecido produtivo e contribúe á mellora da calidade de vida.
Inside The Lab levarase a cabo ao longo da mañá do venres (entre as 10 e as 14 horas), e a súa estrutura reproducirá o formato dunha xornada de portas abertas, polo que non haberá unha axenda con horarios prefixados. Á súa chegada, os visitantes recibirán un plano coa situación dos distintos puntos informativos.
En total serán 16 demostradores científicos os que se amosarán, incluíndo 2 spin-off do centro: Cilenis, especializada en tecnoloxías da linguaxe, e Situm, cuxo núcleo de negocio son as tecnoloxías de xeoposicionamento en interiores. Toda unha exhibición de sistemas innovadores que abranguen ámbitos de aplicación tan diversos como a diagnose asistida a través de imaxe médica 3D, a utilización de sensores intelixentes en agricultura ou o control de calidade mediante a análise de imaxe espectral.
Serán os propios emprendedores quen presenten os produtos comerciais que ambas as dúas startups teñen actualmente non mercado, defendendo ante os visitantes as vantaxes de apostar por estas compañías e para participar nesta xornada, é preciso inscribirse previamente.

Atención visual inspirada na atención humana

Un dos proxectos que se demostrará na xornada é un sistema de atención visual inspirado no mecanismo natural de humanos e animais que se reproduce de xeito artificial mediante un modelo informático que evolucionou dende o tratamento de imaxes estáticas até a simulación da atención visual ante secuencias en movemento.
Este proxecto no que participa Xosé Manuel Pardo López, profesor da Área de Linguaxes e Sistemas Informáticos da USC, conta xa cunha tecnoloxía base “pero agora hai que construír aplicacións específicas que respondan ás necesidades específicas que poidan deter as empresas”, de aí que estean formulando a posibilidade de crear unha spin-off para desenvolver o produto que podería empregarse para o deseño de páxinas web (simulando as partes da web nas que o ollo humanos fixa a atención), para utilidades biomédicas (como detectar enfermidades dexenerativas en persoas maiores) ou incluso para facer máis efectivos sistemas de vídeo-vixilancia.

PUBLICIDADE