O CiTIUS celebra o martes 30 unha xornada de portas abertas para alumnado da USC
xoves, 25 de abril do 2024
O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC organiza na mañá do vindeiro martes 30 de abril unha xornada exclusiva de investigación dirixida ao alumnado de grao e mestrado da institución compostelá. Este evento, en palabras do centro compostelán, “ofrece unha oportunidade sen precedentes para explorar o traballo levado a cabo no CiTIUS no ámbito da intelixencia artificial e das tecnoloxías intelixentes”.
A xornada comezará ás 12.00 horas coa benvida da dirección do centro e, segundo engaden fontes do centro, “proporcionará ao alumnado unha visión xeral do traballo científico que posiciona ao CiTIUS da USC como referente en Galicia no eido da Intelixencia Artificial”.
E engádese: “As persoas participantes terán a posibilidade de mergullarse nas diferentes liñas de investigación nas que traballa o centro así como visitar os laboratorios e as infraestruturas singulares, entre as que destacan o laboratorio de robótica e o laboratorio de microelectrónica”.
Para participar na xornada, con prazas limitadas, tan só é necesario inscribirse previamente cubrindo o formulario de rexistro en liña.