O CiTIUS celebrou o Día das Nenas nas TIC mostrando as oportunidades que abren as novas ferramentas ás estudantes novas

mércores, 28 de abril do 2021 S. P.

JPEG - 53.1 KB
De esquerda a dereita, Andrea Cascallar, Paula López e Eva Cernadas

O CiTIUS da USC adheriuse a semana pasada, un ano máis, ás celebracións do Día Internacional das Nenas nas TIC, impulsado a nivel mundial pola Unión Internacional das Telecomunicacións. Fíxoo convocando a tres investigadoras que reivindicaron a través de vídeo-conferencia o labor da muller no ámbito tecnolóxico: Andrea Cascallar, Paula López e Eva Cernadas.
As tres relatoras puxeron en valor, ante estudantes de Primaria e Secundaria de diversos centros educativos da nosa terra, a investigación que desenvolven na actualidade como punto de partida para espertar o interese de nenas e mozas nas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC).
Eva Cernadas compartiu co alumnado as súas inquedanzas sobre a tecnoloxía, un eido que aínda hoxe “segue a ter unha percepción social moi masculina”, polo que considera de grande importancia “asociar esta área a valores como a creatividade, moi importantes en enxeñaría”. E engadiu: “Non somos conscientes da cantidade de cousas que utilizamos a diario que foron creadas por mulleres”.
Paula López, investigadora vinculada e directora adxunta do CiTIUS, propuxo unha charla centrada na física dos píxeles, concretamente sobre os procesos de captación dunha imaxe que acontecen nunha cámara: “Coido que é importante que as alumnas de ESO e Bacharelato tomen conciencia do gran número de oportunidades laborais no ámbito das TIC e, sobre todo, da importancia de poñer de manifesto a presenza feminina nestes ámbitos”.
Andrea Cascallar, investigadora predoutoral, dirixiu a súa intervención a alumnado de Bacharelato e Formación Profesional. Na súa opinión “é preciso desenvolver máis iniciativas para tratar de inverter a baixa porcentaxe de mulleres dentro das Tecnoloxías da Información e a Comunicación”. Sinalou que “aínda que é moi valioso que se estean realizando este tipo de accións para dar visibilidade, débese profundar tamén nas causas reais da situación”. A posibilidade de mostrar o seu traballo a nenas e rapazas “é o mellor xeito de resultar unha área atractiva aos ollo doutras mulleres novas”, concluíu.
Na súa edición 2021, o CiTIUS ofreceu un total de cinco encontros pensados para distintas idades, que incluían charlas e obradoiros adaptados aos diferentes niveis educativos.

PUBLICIDADE