O CiTIUS e o investigador Ismael Faro ábrennos as portas da computación cuántica

venres, 23 de marzo do 2018 Redacción

Hoxe a partir das 12.00 imos ter unha cita de gran interese co cálculo avanzado, o cálculo que emprega principios da mecánica cuántica no desenvolvemento de métodos, técnicas e procesos, para almacenar e tratar datos. Estamos a falar da conferencia Despois da IA, Computación Cuántica, un relatorio organizado polo CiTIUS de Santiago (e dende o CiTIUS) e que vén da man de Ismael Faro, integrante da sede central de IBM Research e líder do equipo de desenvolvemento de prototipos e servizos emerxentes na nube nas áreas de Intelixencia Artificial e Computación Cuántica.
Na cita de hoxe, que poderemos seguir en streaming, o conferenciante falará da importancia do devandito novo paradigma de computación, un aliado fundamental nos eidos da aprendizaxe das máquinas, as simulacións químicas, a resolución de problemas de optimización de cifrado, etc.
Ismael Faro, como dixemos, lidera unha equipa de investigadores especializados en computación cuántica. Foron os encargados de crear a primeira plataforma en liña que deu acceso libre a un dos primeiros computadores cuánticos xeneralistas (usado por 76.000 usuarios até hoxe, que executaron máis de 2 millóns de experimentos na plataforma), e que a nivel académico permitiu xerar máis de 60 papers a terceiras institucións.

PUBLICIDADE