O CiTIUS financia 7 bolsas destinadas a alumnado da USC

martes, 28 de xullo do 2020 Sonia Pena

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), na súa liña de apoio aos talentos do campus, convocou sete novas bolsas de investigación destinadas a estudantes de grao. As axudas, dotadas cun total de 750€, desenvolveranse durante dous meses (poñendo o foco en setembro e outubro de 2020), a razón de 60 horas ao mes. Van destinadas a alumnado da USC “cun alto nivel de interese en realizar no centro TIC o seu TFG, ou sexa, o seu Traballo de Fin Grao. Faríano no marco dun proxecto de investigación que contará con supervisión dun ou dunha investigadora principal do CITIUS.
Entre os requirimentos esixidos, figura o de estaren cursando estudos correspondentes ao último curso dos graos en Enxeñaría Informática, Física, Matemáticas ou disciplinas afíns, debendo ter superado o 70% dos créditos da titulación. Tamén, teren presentado, no intre de aceptar a bolsa, un compromiso asinado para a realización do dito TFG. Amais, a nota media do expediente académico será igual ou superior a 7 puntos sobre base 10.
Toda a Información está dispoñíbel no documento oficial coa Convocatoria Bolsas Investigación no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes – CiTIUS.

PUBLICIDADE