O CiTIUS organiza na G-Night unha carreira de Scalextric con Intelixencia Artificial

venres, 23 de setembro do 2022 S. P.

A Noite Europea das Persoas Investigadoras, o evento internacional G-Night, desenvolverase o venres 30 nas cidades galegas baixo o lema Conciencias creativas. O obxectivo non é outro que levar a ciencia ás rúas, tirando abaixo muros de comunicación e aproximación. No caso da USC, organizaranse ducias de obradoiros de divulgación científica e relatorios diversos. Estes ateigarán o claustro do Colexio de Fonseca en Compostela, así como o Vello Cárcere de Lugo. Entre as actividades programadas non se exclúe o carácter máis lúdico da divulgación: haberá, por exemplo, unha duelo de coches de carreiras, un deles equipado con Intelixencia Artificial e o outro controlado polas persoas participantes no obradoiro coa axuda dun condutor. Organiza o CiTIUS.
Santiago
Os centros de investigación da USC en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), e o Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), ocuparán xunto co Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), no que tamén participa a Universidade, o rol central da Gnight compostelá. O conxunto de actividades terá lugar a partir das 18.00 horas no Claustro de Fonseca, agás os relatorios impulsados polo Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), do que a USC é integrante, que se celebrarán no Salón de Graos do Colexio San Xerome.
O CiMUS impulsa os obradoiros Biotecnoloxía na cociña no que se extraerá ADN utilizando utensilios que se poden atopar facilmente nunha cociña; e o taller Fabrica o teu propio anticorpo no que as persoas participantes poderán construír o seu propio anticorpo e levalo consigo. No obradoiro Gastronomía molecular do CiQUS aplicarase a ciencia á cociña tradicional, investigando as transformacións químicas e físicas que acontecen nos ingredientes durante a preparación dos alimentos. Neste taller trocarase o seu aspecto físico sen modificar o sabor.
Polo que se refire ao CiTIUS, será o responsábel da actividade divulgativo-participativa Scalextric-IA que consistirá nunha carreira entre dous coches, un deles equipado con Intelixencia Artificial e o outro controlado polas persoas participantes no obradoiro coa axuda dun condutor. Pola súa banda, NL4XAI mostrará como as máquinas intelixentes apoiadas pola Intelixencia Artificial poden axudar a tomar decisións informadas en situacións cotiás. Ademais, as persoas participantes neste obradoiro do CiTIUS poderán desafiar a máquina sobre as súas decisións preguntando o porqué (ou o porqué non) de son correctas ou incorrectas. Pola súa parte, o taller Menelaos consistirá en cámaras que captan imaxes en 3D e de maneira similar ao cerebro; mentres que MISEL baséase no procesamento bioinspirado de imaxes con baixo consumo de potencia e tecnoloxías de vangarda.
O IGFAE, pola súa parte, achega a actividade Descubrindo a radiación: os raios cósmicos no que utilizando dous tipos de detectores, poderanse visualizar as partículas que chegan dende o espazo e bombardean constantemente a Terra dende todas as direccións.
Métodos de oxidación avanzada con nanopartículas magnéticas é un dos obradoiros do CRETUS que consistirá nunha demostración que empregará como método representativo dos métodos de oxidación avanzada un sistema foto-Fenton, simulando, con tinguiduras, a eliminación de microcontaminantes en augas empregando nanopartículas con propiedades magnéticas.
Produción de biopolímeros a partir de residuos graxos, tamén do CRETUS, servirá para amosar como un reactor para tratar auga residual permite a recuperación de bioplásticos. Finalmente, este mesmo centro singular é o responsábel dos obradoiros Cálculo da pegada de carbono e hídrica dos alimentos e Uso de disolventes eutécticos para a recuperación de coláxeno dos residuos de peixe.
Pola súa parte, o CITMAga impulsa o ciclo de relatorios Matemáticas para a Terra, o mar e la vida; mentres que o IDIS organiza os obradoiros Mundos microscópicos e Impresión 3D, do laboratorio ao doente.
Lugo
O grupo de Innovación Docente da USC XuvenCiencia e a Asociación de Investigador@s AgroMar do Campus Terra converterán o 30 de setembro O Vello Cárcere de Lugo nunha sorte de laboratorio vivo no que se desenvolverán 17 obradoiros gratuítos de experimentación e tres charlas de divulgación científica orientadas a público de todas as idades co gallo da celebración da G-Night. Esta celebración recala na cidade amurallada por segunda vez co obxectivo de dar a coñecer o traballo desenvolvido pola comunidade científica, ademais de poñer en valor a importancia deste labor para a sociedade.
O programa de actividades desenvolverase en quenda de tarde, de 18.00 a 22.00 horas, e inclúe actividades para todos os públicos en función da súa idade. As persoas interesadas en participar en calquera das sesións previstas xa pode formalizar a súa inscrición de balde nas instalacións do Vello Cárcere ou tamén a través do número de teléfono 982 297 195.
O público máis cativo atopará na G-Night unha boa oportunidade para achegarse á ciencia a través do obradoiro Xogando a aprender!, así como das sesión de demostración Trichinella, o verme que veu cear, Os inimigos microscópicos, O lado amargo do azucre, Que esconde a auga?, Doutor, que lle ocorre á miña vaca? ou O peixe cebra como modelo animal. Alén destas actividades expositivas abertas a todo o público tamén haberá outras dirixidas a grupos de máis idade sobre impresión 3D, fotosíntese artificial, Realidade Aumentada, árbores en tubos de ensaio ou hardware de baixo custo e código aberto para control medioambiental.
Á par da celebración destas sesións demostrativas, as instalacións do Vello Cárcere acubillarán tamén os obradoiros participativos de temática específica Dío con luz: comunicación con fibra óptica, O que agochan as células, O solo que pisamos, Canta proteína ten? ou A luz – regra do nanouniverso.
O programa deste evento científico complétase con tres charlas divulgativas: A análise sensorial: unha disciplina científica con moito miolo, Xenética de vangarda aplicada á saúde, mellora e conservación de recursos biolóxicos e Esqueletos á escena.

PUBLICIDADE