O CiTIUS presentou en sociedade a súa spin-off Situm Technologies

venres, 24 de abril do 2015 Marcus Fernández

Esta mañá a área común do semisoto do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS) serviu para presentar en sociedade a empresa Situm Technologies, unha spin-off do CiTIUS que leva meses colleitando grandes éxitos, de aí que os seus propios fundadores comentaran a xeito de chanza que a xente pensaba que a compañía formalizada o pasado 4 de febreiro dedicábase “a gañar premios”. E non é para menos, xa que están a emprender cun paso moi firme que os levou a facerse co primeiro premio da iniciativa YUZZ a nivel estatal, situouse entre as gañadoras do concurso Elevator Pitch Singularity University, fíxose co premio Ideas do proxecto Coruña Smart City, conseguiu o recoñecemento como Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica(IEBT) da Xunta de Galicia e tamén liderou os premios da I edición de Galicia Open Future.
Neste acto os fundadores de Situm, Cristina Gamallo, Víctor Álvarez e Adrián Canedo narraron o camiño percorrido até o momento actual, facendo que un proxecto que naceu dentro do mundo da robótica móbil (onde ten moita importancia coñecer a posición dos robots) fose variando o seu rumbo até centrarse na elaboración de tecnoloxía de posicionamento en interiores. Tratouse dunha boa identificación dunha demanda existente no mercado, xa que son moitos os posibles usos do coñecido como “GPS de interiores” e poucas as compañías que o realicen efectivamente. Amais, Situm conseguiu desenvolver un algoritmo para fixar a posición de dispositivos móbiles que non só funciona mediante balizas Bluetooth como fai a meirande parte dos seus competidores, senón que tamén conseguiron facer funcionar a localización cunha precisión aproximada dun metro empregando a análise de datos de redes Wi-Fi. Temos así unha solución que procura tirar proveito dos cada vez máis versátiles sensores que inclúen os nosos dispositivos móbiles, chegando a conseguir uns resultados moi bos sen ter que facer grandes implantacións tecnolóxicas.
Cristina Gamallo explicou que optaron por unha tecnoloxía é multi-sensorial xa que “decidimos que esa é a solución correcta porque cada un dos sensores por si sos teñen os seus puntos febles. Nos queriamos diferenciarnos do mercado en ter máis precisión, ser un sistema multi-plataforma e ser moi robustos, o que cun sensor so é moi complicado”. Chegado ao punto de conseguir crear tal produto, lanzáronse a estudar o mercado, e atopáronse que era un sector cun crecemento moi rápido no que aínda había pouca competencia, polo que era un bo momento para saír ao mesmo.
Adrián Canedo comentou para poder chegar a tal punto tiñan que conseguir un “produto único viable”, que foi un prototipo de súa aplicación móbiles de posicionamento en interiores, desenvolvida inicialmente en Android, que situaba o smartphone nun mapa en tres dimensións valéndose de datos calculados por un servidor. Elaboraron unha presentación con este desenvolvemento, que curiosamente foi o produto que vendían, xa que realmente servía para presentar o potencial da tecnoloxía que poden facer posible dende Situm. Canedo completou asegurando que eses pasos leváronos a entender que a súa solución era “facer unha serie de ferramentas que outras empresas (software sobre todo) puidesen empregar para realizar aplicacións xeoposicionadas. A nós resultábanos moi complicado ir a cada mercado a desenvolver aplicacións específicas (para centros comerciais, para hospitais...) pero vimos que onde eramos fortes era na tecnoloxía e para proporcionar esa capa tecnolóxica para que outros de xeito moi doado puidesen integralo nas súas propias aplicacións. Así construímos un servidor que agora está na nube, API para smartphones, API REST para comunicarse co dashboard... e con iso os clientes podían comezar a construír aplicacións de seu”.
Resulta evidente a utilidade do posicionamento en interiores para establecementos comerciais (como hipermercados e grandes centros comerciais), museos e almacéns (e todo iso sen entrar no caso de persoas con deficiencias visuais, para os que esta tecnoloxía podería supor unha grande vantaxe), e tal potencial non pasou desapercibido, de xeito que Situm xa conta co apoio do fondo de investimento Unirisco e actualmente subministra a súa tecnoloxía de localización en interior a Telefónica no marco dun concurso público para o desenvolvemento dunha aplicación móbil que se integrará en 22 edificios do Servizo Galego de Saúde e para a que contaron coa colaboración doutra empresa galega, Balidea. Paralelamente tamén están a traballar en introducir a súa tecnoloxía a nivel estatal e internacional, aproveitando a súa condición de pioneiros.
Víctor Álvarez asegurou que para chegar a tal momento nesta nova empresa tiveron que seguir “varios programas de emprendemento (YUZZ, Galicia Open Future, Wayra...) que a nós viñéronnos moi ben para definir o mercado, definir o modelo de negocio, aprehender esa experiencia de negocio que nós non tiñamos por sermos técnicos”. Tamén salientou a importancia de Unirisco á hora de profesionalizar a empresa. Completou a súa intervención explicando que “temos detectadas unhas necesidades de financiamento de 540.000 euros e xa captamos 350.000, dos que os socios fundadores achegamos 30.000 e Unirisco 150.000. Actualmente temos a tecnoloxía instalada en 3 edificios aquí en Santiago e outros 3 en Madrid, aínda que a finais deste anos esperamos tela en máis de 50 edificios”.


Para pechar o evento, os fundadores de Situm Technologies destaparon o vinilo que deixou á vista o logotipo da súa empresa no cristal do Emprendelab do CiTIUS, espazo que pretende recoller os logotipos de todas as empresas incubadas na entidade.

Na nosa páxina de Facebook publicamos un álbum fotográfico da presentación desta mañá.

PUBLICIDADE