O CiTIUS salienta o importante papel que despregará a Intelixencia Artificial: a electricidade do século XXI

martes, 23 de outubro do 2018 Redacción

O CiTIUS (Centro Singular de Investigación en TIC) acolleu o pasado venres unha xornada sobre Intelixencia Artificial na que participou un relevante número de especialistas en sistemas intelixentes e aprendizaxe das máquinas procedentes dos eidos da empresa e das administracións, amais (por suposto) do propio CiTIUS. O encontro, unha actividade do ciclo Encontros na eira, contou coa presenza (entre outros) do profesor Senén Barro, investigador do CiTIUS e ex reitor da USC, que puxo o foco na Intelixencia Artificial como “a electricidade do século XXI”, por ser un ámbito de traballo e investigación que está e estará presente en todos os eidos do saber e os sectores produtivos.
A xornada, que foi inaugurada polo director do CiTIUS, Paulo Félix, serviu entre outras cousas para mostrar ante directivos TIC de empresas e administracións galegas as principais liñas de traballo do
Grupo de Sistemas Intelixentes (GSI), con base de operacións no Centro Singular de Investigación en TIC.
Amais, os impulsores da cita convocaron nela aos responsábeis da spin-off que xurdiron do CiTIUS e na actualidade desenvolven xa “un labor comercial consolidado”, froito da investigación desenvolvida nalgunhas das distintas liñas de investigación de GSI.
Foi o caso de Imagames, cuxo director de enxeñería, Javier López Morado, mostrou os servizos baseados en gamificación (técnicas de xogo aplicadas a ámbitos non lúdicos) que distinguen estan empresa. Amais,, o co-fundador e director de tecnoloxía de Situm Technologies, Adrián Canedo Rodríguez, amosou a súa rica experiencia no mercado internacional, grazas ás tecnoloxías de alta precisión para o posicionamento e guiado en interiores vía teléfono móbil, desenvolvidas por Situm.
A xornada incluíu tamén unha mesa redonda sobre a conveniencia de promover medidas, freos e estratexias de impulso para “a adopción progresiva das técnicas de Intelixencia Artificial en empresas e institucións”. Amais do propio Senén Barro Ameneiro, director de GSI, na mesa moderada polo escritor e divulgador Marcelo Castelo participaron Alfonso Vallés Salgues (comandante-director da Escola de Especialidades da Armada Antonio Escano), Benigno Rosón Calvo (subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia) e César Alberto Pérez (xefe de Proxecto en dominios de Servizos e Conectividade de Vehículo no Grupo PSA-Citroen).
O encontro concluíu cunha charla titulada Made in Galicia, a cargo do director da área de Innovación e Negocio da TVG, José Pereira Fariña, profesor e ex vicerreitor de Comunicación da USC.


PUBLICIDADE