O CiTIUS será unha das pezas claves do novo Laboratorio de Ideas en IA da AESIA
venres, 10 de abril do 2026

- O ministro Óscar López e o director científico do CiTIUS, Senén Barro
Senén Barro, director científico do CiTIUS da Universidade de Santiago (USC) vai presidir o Comité Asesor do Laboratorio de Ideas de IA da axencia AESIA (Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial) con sede na Coruña, presentado este 9 de abril no Pazo de Mariñán da Deputación da Coruña e dirixido a impulsar unha intelixencia artificial ética e de confianza.
O novo órgano reúne unha trintena de especialistas de referencia do ámbito académico, institucional e empresarial co obxectivo de analizar os principais retos asociados ao despregamento da IA e achegar recomendacións en ámbitos de alto impacto social.
En palabras de Senén Barro, o Laboratorio de Ideas “actúa como a intelixencia da propia intelixencia artificial”, mentres que o seu Comité Asesor achega “a ollada humana e humanista necesaria para garantir un desenvolvemento confiable e orientado ao ben común”.
Entre as súas liñas de traballo destacan a protección da dignidade das mulleres fronte aos nesgos algorítmicos, a loita contra a desinformación, a seguridade dixital da infancia ou a transformación do mercado laboral, incluíndo fenómenos como os deepfakes ou a automatización da propaganda.
Durante o acto, no que se deron a coñecer os detalles de este novo espazo de reflexión, o ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, subliñou a vocación de España de situarse na vangarda internacional en regulación da intelixencia artificial, apostando por un modelo que combine innovación e garantías democráticas.
A implicación do CiTIUS nesta iniciativa consolida o seu papel como axente de referencia no impulso dunha IA ética, segura, consciente e centrada nas persoas, en liña cos principais marcos europeos de supervisión tecnolóxica. Neste contexto, o ministro anunciou que España acollerá a finais de abril a primeira xuntanza do Panel Científico de IA de Nacións Unidas, reforzando o seu posicionamento internacional como un dos países chave na gobernanza da intelixencia artificial. O CiTIUS (un centro cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027) sitúase así nun dos contornos onde se está definindo o futuro da IA a escala global.
