O CiTIUS traballa nun novo proxecto para mellorar a calidade de vida no rural do suroeste de Europa

luns, 12 de agosto do 2024 S. P.

Os investigadores do CiTIUS Juan Antonio Corrales e Saltanat Seitzhan veñen de participar na reunión de lanzamento do proxecto ROBOTA-SUDOE, un evento que tivo lugar recentemente en Portugal. O encontro, celebrado na sede do CENTIMFE (Centro Tecnolóxico da Indústria de Moldes, Ferramentas Especiais e Plásticos) marcou o inicio dunha iniciativa pioneira destinada a modernizar os sectores económicos da área do Sudoeste de Europa (SUDOE), centrándose especialmente na industria agroalimentaria e os plásticos. Trátase, en palabras do centro da USC, “dun novo e significativo reto de investigación que contará coa nosa participación”.
Segundo engaden fontes do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela), o obxectivo principal do proxecto ROBOTA-SUDOE é mellorar a competitividade e o crecemento das pequenas e medianas empresas (pemes) a través de solucións cooperativas innovadoras, mediante a integración da robótica, a dixitalización e a automatización.
Coa experiencia colectiva e a cooperación de tódolos socios, o proxecto busca tamén “crear avances tecnolóxicos significativos sobre a base da Intelixencia Artificial e das ferramentas de vangarda que beneficiarán a diversas industrias”: solucións deseñadas para abordar os desafíos locais e promover a sustentabilidade ambiental, contribuíndo a levar a innovación aos territorios tradicionalmente artesanais e menos desenvolvidos.
Juan Antonio Corrales, investigador responsábel do proxecto no CiTIUS, salientou a importancia desta nova posta en común, afirmando que “o proxecto ROBOTA-SUDOE representa un paso crucial cara á innovación tecnolóxica en rexións tradicionalmente desatendidas: ao aproveitar a IA avanzada e a robótica cooperativa, o noso obxectivo non só é impulsar a competitividade das pemes, senón tamén mellorar a calidade de vida nas zonas rurais”.
En canto ao papel que xogará a Universidade de Santiago de Compostela, Corrales explica que “o CiTIUS contribuirá ao desenvolvemento e implementación de novas aplicacións robóticas”.
Entre os resultados esperados figura a creación de robots cooperativos para diversas aplicacións, como o corte de carne, o empaquetado de froitas e a ensamblaxe de bonecas. Ademais, o proxecto planea establecer tres "laboratorios viventes" para mostrar e promover estas solucións en diferentes sectores e pequenas e medianas empresas da rexión.
A reunión inicial proporcionou unha plataforma para que os socios discutisen os obxectivos, os desafíos e as accións iniciais do proxecto. Entre os principais participantes atopábanse CENTIMFE (Centro Tecnológico da Indústria de Moldes, Ferramentas Especiais e Plásticos), C-MAST (Centro de Ciencia y Tecnologías Mecánicas y Aeroespaciales), Cerfundão (Embalamento e comercialização de cereja da Cova da Beira), AIJU (Instituto Tecnolóxico de Producto Infantil e Ocio), INDUSTRIA AUXILIAR JUEMA S.L., CiTIUS-USC, Centro Tecnolóxico da Carne, Clermont Auvergne INP e CIMES.
“O evento foi unha oportunidade para o intercambio intelectual e a colaboración, preparando o escenario para o traballo innovador que se aveciña e subliñando o compromiso de todos os socios no avance das tecnoloxías de robótica e automatización dentro da rexión SUDOE”, engadiron fontes do CiTIUS.