O Círculo de Empresarios de Galicia reuniu en Ourense á cúpula tecnolóxica galega
xoves, 16 de abril do 2026
A Tecnópole (San Cibrao das Viñas, Ourense) acolleu na mañá deste 15 de abril a segunda edición do Foro de Innovación e Tecnoloxía do Círculo de Empresarios de Galicia, unha cita que reuniu a empresa, administración, centros tecnolóxicos e investigación baixo un lema que marcou o ton de toda a xornada: Galicia ante o próximo ciclo. A mensaxe, repetida desde a apertura ata o peche, foi clara: “A urxencia xa non se discute, decídese ou pérdese”.
A presidenta do Círculo, María Borrás, abriu o foro avisando de que o escenario cambiou en apenas un ano. Os anuncios internacionais alteran as cadeas de subministración, a intelixencia artificial deixou de ser promesa para converterse en ferramenta de uso diario, e os fondos europeos entran xa en fase de execución real. "Galicia ten que decidir se se posiciona ou agarda, e esa pregunta non ten resposta: temos que posicionarnos inmediatamente", afirmou.
A vicepresidenta primeira da Deputación de Ourense e alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Nóvoa, reivindicou o binomio Vigo-Ourense e a aposta provincial pola innovación como eixo de desenvolvemento, nunha xornada apoiada pola operadora R e conducida por Pablo López, coordinador do Foro de Innovación e Tecnoloxía do Círculo.
O xerente da Tecnópole, Javier Taibo, destacou que “Galicia é xa a comunidade mellor valorada de España en compra pública innovadora e escalou nove posicións no Regional Innovation Scoreboard europeo, situándose entre as 25 rexións máis innovadoras da UE; pero, con todo, o gasto en I+D segue sendo a materia pendente: o 1,3% fronte ao 1,5% da media española”. E dentro de Galicia, a fotografía é desigual, sinalou. Así, Ourense crea apenas o 7,5% das novas empresas co 11% da poboación, un desfasamento que, segundo Taibo, esixe “discriminación positiva”. A provincia, explicou, “terá ese impulso a partir de setembro coa apertura do Centro de Excelencia de Ciberseguridade na propia Tecnópole, unha infraestrutura que chega no momento xusto: este ano, a maioría dos proxectos presentados ao concurso escolar Galiciencia versan precisamente sobre ciberseguridade”.
Pola súa banda, Alfredo Ramos, director de R, lembrou que a operadora pechou o plan único 5G con case 80 millóns de euros investidos e cobertura do 96% da poboación galega, e que xa xestiona diariamente 90.000 millóns de rexistros aplicando intelixencia artificial sobre a rede. Pero advertiu dun novo concepto que debería preocupar máis que o absentismo: o ausentismo, o risco de que moitos postos de traballo, tal e como están definidos hoxe, “simplemente desaparezan”.
Ademais, o responsable de novas tecnoloxías da Deputación de Ourense, Marcos Baliño, defendeu que “a innovación pública debe ser estratéxica, sostible, útil e inclusiva, e recoñeceu con franqueza o custo de cumprir coa regulación: só adaptar a administración ao esquema nacional de seguridade supón 400.000 euros anuais”.
Víctor Lorenzo, director de IT do Grupo Cuevas, achegou o contrapunto industrial: visión artificial para seleccionar a castaña do marrón glacé, ultrasóns para limpala, sistemas de frío que reducen entre un 20% e un 25% o consumo enerxético en tenda, e participación no proxecto europeo SOSFood, con 17 entidades de oito países, para reducir o desperdicio alimentario. "Se a innovación non se ve na conta de resultados, non serve", resumiu.
A segunda mesa abordou as tecnoloxías habilitadoras desde o coñecemento profundo. A directora de innovación de Gradiant, Antía Fernández López, situou o rol dos centros tecnolóxicos no peche do chamado “val da morte”: traducir investigación básica en produto que a empresa poida usar, en prazos razoables.
Esther Merlo, de Madera Plus, reivindicou a dixitalización do sector forestal a partir dos datos públicos de voos LiDAR e satélites Sentinel, e expuxo un debate de fondo sobre a soberanía do dato do propietario forestal nunha Galicia onde o 98% da superficie é privada.
Pola súa banda, o catedrático da Universidade de Vigo Humberto Michinel, unha das voces máis autorizadas en fotónica do ámbito estatal, lanzou o aviso máis rotundo da xornada sobre o hype cuántico: o computador cuántico, neste momento, non existe como tecnoloxía útil; as comunicacións cuánticas achegan pouca fronte á seguridade xa dispoñible en fibra; e onde realmente hai percorrido, ingresos e soberanía é nos sensores cuánticos e nos láseres ultrapuros. “Se tivese que investir o meu diñeiro, meteríao aí”, afirmou. Michinel tamén reclamou máis investimento privado de risco en deep tech, lembrando que en Europa apenas representa o 5% do investimento privado, e en transferencia tecnolóxica, o 1%.
A mesa de peche, dedicada a escalar negocio desde o territorio, deixou tres exemplos destacados. Rafa Villaverde, fundador de Cloud.gal, defendeu a nube soberana galega como resposta a un mercado europeo dominado por hiperescalares estadounidenses (o 80% da tecnoloxía que usan as empresas europeas é estranxeira) e avisou dun problema que xa está aquí: “A falta de dispoñibilidade de servidores e memorias, retidos polas gigafactorías de intelixencia artificial de Estados Unidos e agravados agora pola crise de Irán”.
Eugenia Juncal, directora de innovación de Granxa Campomayor, contou como unha peme do rural lucense comprou unha patente do CSIC e escalouna ata o mercado, e anunciou un investimento de 33 millóns de euros entre 2025 e 2027 para responder a unha demanda crecente. Ao mesmo tempo, denunciou un problema básico que segue lastrando ao rural galego: “A falta de cobertura suficiente para manter unha chamada de traballo sen que se corte, a 20 minutos de Lugo”.
Gervasio Varela, director de produto de Redegal, apostou polo talento híbrido e pola diversificación cara a produto dixital propio (Boostik e Binacle Data) como vía para competir máis aló do servizo puro.
O foro deixou coincidencias claras. O regulamento europeo aperta e ás veces afoga, pero tamén obriga a profesionalizar a ciberseguridade e a xestión do dato. A intelixencia artificial xa non admite espera, pero esixe soberanía e prudencia coa información que se envorca en modelos públicos.
Coincidiron en sinalar tamén que “o talento segue sendo o colo de botella, sobre todo o talento híbrido que entende á vez de tecnoloxía e de proceso industrial”, e que “o investimento privado en innovación ten que dar o salto que a pública leva anos empuxando”.
Como resumiu Alfredo Ramos ao pechar a súa intervención, “a receita para navegar as augas turbulentas dos próximos anos pasa por ter clara a estratexia, ser soberano dos datos e das decisións, e rodearse do talento adecuado, dentro ou fóra de casa”.
