O Citexvi será inaugurado o vindeiro luns polo presidente da Xunta

mércores, 13 de xullo do 2011 Raquel Noya

O vindeiro luns, 18 de xullo, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a ministra de Ciencia e Innovación Cristina Garmendia Mendizábal achegaranse ata o campus de Vigo para inaugurar alí o edificio da Cidade Tecnolóxica de Vigo, Citexvi, que depende de catro socios estratéxicos: a Universidade de Vigo, o Consorcio Zona Franca de Vigo, Novacaixagalicia e a Xunta de Galicia.
A entidade constituída desta alianza vai ser a xestora do Parque Científico e Tecnolóxico da Universidade de Vigo e exercerá de polo de atracción de proxectos de I+D+i para o sector empresarial.
Xa que logo, o seu eixe de actuación céntrase, segundo afirma o presidente de Citexvi e reitor da UVigo, Salustiano Mato de la Iglesia, “en xerar sinerxías entre o ámbito empresarial e o científico-tecnolóxico da Universidade, poñendo á súa disposición unha plataforma de servizos tecnolóxicos de última xeración así como a capacidade de xestión dos seus recursos de I+D+i”.
O acto, ao que asistirán destacadas personalidades do eido empresarial, universitario, político e social de Galicia, comprende unha visita ao edificio na que os asistentes comprobarán de primeira man a utilidade das súas instalacións para levar a cabo un amplo abano de actividades.

PUBLICIDADE