O Club da Ciencia xa está integrado por 119 centros docentes
luns, 2 de decembro do 2019
O Club da Ciencia, un dos piares da divulgación STEM da Consellería
de Educación, suma e segue. Hoxe
o departamento que dirixe Carmen Pomar deu a coñecer que a cifra
total de centros públicos de toda a nosa xeografía adheridos á
dita comunidade é de 119, logo das 30 recentes incorporacións neste
curso 2019-2020. Estes e outros datos foron dados a coñecer pola
conselleira durante unha visita ao IES Luís Seoane de Pontevedra,
que é un dos que se estrea neste programa. O obxectivo do Club da
Ciencia é facer que voe o espírito científico e o talento que toda
a nosa comunidade de estudantes atesoura. Ponse o foco, novamente,
nas siglas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).
Por
provincias, os Club de Ciencia desenvólvese xa en 55 centros da
Coruña (12 de nova incorporación), 13 de Lugo (3 acabados de
incorporar), outros 13 de Ourense (4 adheridos este curso) e 38 de
Pontevedra (11 de nova incorporación), tal como queda recollido na
resolución definitiva que pode consultarse no Portal educativo.
Os
clubs, para os cales a Consellería destina 1.250 euros para cada
centro, nacen como “un espazo de aprendizaxe non formal baseado
nunha metodoloxía de indagación onde os docentes suxiren diferentes
accións enfocadas ao alumnado co obxecto de que poidan dar resposta
ás súas curiosidades e aos seus intereses e resolver problemas”.
Este
é o cuarto ano consecutivo no que se pon en marcha esta iniciativa,
que arrancou como experiencia piloto no curso 2016/17 con 9 centros,
un número que se foi incrementando desde entón.
O
proxecto desenvólvese fóra do horario lectivo e nos espazos que se
consideren ou habiliten do centro docente.