O Clúster Alimentario de Galicia recibe o premio Proxectos Agrupados Industria 4.0
venres, 19 de febreiro do 2021- Planta de produción de Kiwi Atlántico
O
Clúster
Alimentario de Galicia (CLUSAGA) vén de recibir o premio Proxectos
Agrupados Industria 4.0 outorgado pola Xunta a través do IGAPE.
Este galardón permitirá á plataforma alimentaria impulsar a
transformación dixital e o avance cara á fábrica intelixente e
conectada no sector galego. Mobilizará 630.000 euros e coordinará
un total de sete proxectos, nos que participarán as empresas
Cofrico, Ecoplas Barbanza, Galega de Correctores Naya (SOGACO), Lugar
Daveiga, Pazo de Valdomiño, Kiwi Atlántico e Viña Costeira.
Os
proxectos a desenvolver inclúen innovacións como a mellora dos
procesos de maduración mediante control RFID, o uso de tecnoloxías
4.0 para a predición e monitoraxe de instalacións de frío e para o
seguimento sustentábel e intelixente nunha planta de produción, o
desenvolvemento de obradoiros intelixentes ou a posta en marcha dunha
illa robotizada de paletizado.
O
clúster foi distinguido nos ditos premios (centrados en promover o
desenvolvemento e implantación de tecnoloxías relacionadas cos
conceptos de Industria 4.0 no sector produtivo da nosa terra) por
cuarto ano consecutivo.
- Obradoiro das gallegas Daveiga
CLUSAGA
promoveu ao longo destas catro edicións dos premios a transformación
dixital en 15 pemes do sector cun investimento total de máis de 2
millóns de euros.
Amais
o clúster lembra que ao abeiro da súa estratexia a prol da
dixitalización sumouse o pasado ano á rede europea Smart Sensors 4
Agri-food (SS4AF), cuxo obxectivo é apoiar ás empresas do sector
agroalimentario no seu camiño cara á Industria 4.0 e cara a un
sistema interconectado, resiliente e intelixente. Está integrada por
17 membros titulares e 21 organizacións procedentes de 12 rexións
de Europa. Entre as súas principais accións destaca a posta en
marcha de 23 living labs.