O Clúster Audiovisual Galego estrea en Conecta Fiction nova imaxe corporativa

mércores, 21 de xuño do 2017 Redacción

Tal e como anunciamos os días pasados dende Código Cero, o Clúster Audiovisual Galego tiña pensado tirar partido da palestra inmellorábel de Conecta Fiction para presentar a súa nova imaxe corporativa. E por que motivo? Pois porque Conecta Fiction está a xuntar esta semana en Compostela, coa Cidade da Cultura como eixe central de actividades, máis de 350 profesionais do sector dos contidos audiovisuais e dixitais de 20 países, representando a algún dos investidores e das produtoras máis referenciais do mercado internacional. Finalmente, o Clúster cumpriu a súa palabra e deu a coñecer a súa nova fasquía, unha viraxe na forma e máis no fondo que se dirixe a acadar a máxima visibilidade para os nosos creadores e valores de marca, e a reforzar a posición do CLAG como órgano representativo do sector no mercado galego, estatal e internacional.
O cambio de imaxe do Clúster inclúe tamén o lanzamento nas redes e nas canles tradicionais da campaña Consume Audiovisual Galego, que loce o talento e a calidade de Galicia a través dos seus produtos audiovisuais.
Na súa intervención hoxe na Cidade da Cultura, o presidente do CLAG, Jorge Algora, salientou “o enorme esforzo que se está a realizar en Galicia en canto a innovación, tanto en tecnoloxía, como en formatos”.
Na cita tamén participou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que asistiu á presentación da nova imaxe do Clúster tras inaugurar o Conecta Fiction. Durante o acto proxectouse o vídeo da devandita campaña, no que se amosan “os excelentes recursos cos que contan as empresas galegas na produción de ficción”, ademais de poñer en valor o capital humano do que dispoñen, “o que fai posíbel que na nosa Comunidade se desenvolva calquera tipo de proxecto audiovisual”, sinalou o presidente do CLAG, que salientou que na peza audiovisual colaboran coñecidos actores galegos que se quixeron sumar á nosa campaña #ConsumeAudiovisualGalego.
Polo que respecta ao novo deseño da marca Clúster Audiovisual Galego foi renovada, foi realizado pola axencia de publicidade Bap Conde e, entre outras cousas, mostra un fortalecemento do nome da entidade como Clúster Audiovisual Galego. A imaxe da campaña, que “ten como protagonistas o mar e o ceo galegos” busca pór en valor “a variedade e a calidade dos recursos dos que dispón Galicia como plató para a rodaxe de produtos audiovisuais”.

PUBLICIDADE