O Clúster Audiovisual Galego estrea páxina web

luns, 18 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

O Clúster Audiovisual Galego estreou hoxe páxina web de seu, un espazo en liña cuxo obxectivo é, ante todo, ser útil e contribuír a facer comunidade arredor da nosa industria e o seu importante pulo creativo e innovador. En palabras da plataforma empresarial galega, o que se busca con clusteraudiovisualgalego.com é “ofrecer un espazo máis actual, práctico, útil e, sobre todo, unha canle idónea onde brindar o mellor servizo ás súas empresas e ao sector audiovisual galego”.
O sitio vén con novidades, alén da dita declaracións de intencións, tanto no deseño coma na navegación (máis doada e intuitiva), nos contidos (máis centrados nos fitos máis significativos do sector, máis clarificados e de utilidade tanto para socios como para visitantes en xeral) e nas tecnoloxías.
A web tamén salienta por ter fortalecido a súa vertente de canle informativa de actualidade, co seu renovado boletín dixital, que ofrece un resumo do máis destacado do mes da actividade do Clúster, das súas empresas e do sector. Ofrécese tamén un meirande protagonismo ás accións realizadas pola plataforma, con máis visibilidade en portada, como a que ten o vídeo de promoción da súa última campaña #ConsumaAudiovisualGalego. A nova web, desenvolvida pola axencia de publicidade Bap&Conde diríxese (en definitiva) a outorgar “maior visibilidade aos valores de marca e reforzar a súa posición como órgano representativo do sector no mercado galego, nacional e internacional”.

PUBLICIDADE