O Clúster Audiovisual analizará nunhas xornadas as posibilidades do novo estudio virtual da Coruña, o CEI

luns, 24 de novembro do 2025 S. P.

O Clúster Audiovisual Galego organiza este xoves 27 de novembro, na Coruña, unhas xornadas profesionais nas que se darán a coñecer as funcionalidades do novo estudio virtual Coruña Estudio Inmersivo (CEI) impulsado pola Deputación da Coruña na Cidade das TIC, analizaranse os aspectos clave dos fondos de investimento equity funds como instrumento de impulso do sector audiovisual independente e debullaranse as estratexias na produción de contidos de televisións e plataformas, como a TVG e Movistar Plus+.
Estas xornadas, que contan co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, o apoio do Instituto Galego de Promoción Económica e a colaboración de Pedralonga Estudios, celebraranse no marco do I+P, Ideas para Producir 2025, en palabras do Clúster “un evento boutique de referencia para a industria audiovisual que reunirá esta semana na Coruña ás
principais canles de televisión e plataformas, e que supón unha excelente oportunidade para a venda, financiamento, distribución e coprodución de contidos para cinema e televisión”.
Os socios do Clúster Audiovisual Galego interesados poderán asistir ás xornadas na tarde do
xoves 27, no Coruña Estudio Inmersivo (CEI), previa inscrición (ata o 26 de novembro) en liña.

Programa das Xornadas

As xornadas darán comezo co acto de benvida, a cargo de Alfonso Blanco, presidente do Clúster Audiovisual Galego, e continuarán co primeiro dos paneis da tarde sobre Funcionalidades do plató virtual. O director xeral de Pedralonga Estudios, José Manuel Deus, explicará aos asistentes as vantaxes de Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o estudio virtual con mellor equipamento técnico de España e líder da nova xeración de rodaxes inmersivas en Europa. “A súa aposta pola produción virtual e as contornas inmersivas reforzan a posición do CEI ante produtores que buscan eficiencia, flexibilidade creativa e optimización de custos loxísticos”, segundo Deus.
As xornadas continuarán cunha mesa redonda sobre Aspectos clave dos equity fund no sector audiovisual independente, coa participación de María Coronado, directora de Audiovisual da SETT (Sociedade Española para a Transformación Tecnolóxica); Miguel Rodríguez, socio de Culture CAP7 Fund, e Alexandra Lebret, socia de Axio Capital (entidade xestora de Together Fund). A moderación correrá a cargo de Fernanda Tabarés, presidenta de Pedralonga Estudos. Esta sesión ten como obxectivo profundar nas posibilidades de financiamento público e privado que están ao dispor das empresas produtoras, ademais de transmitir seguridade xurídica ao redor do investimento en producións nacionais e internacionais, e achegar estes instrumentos aos profesionais do sector.
Trala intervención dos relatores abrirase unha quenda de debate con posibilidade de preguntas dos asistentes ás xornadas, entre os que estarán os decision makers das canles e plataformas que participan na edición deste ano do I+P, os profesionais acreditados no pitching, e os socios do Clúster.
Despois do debate, desenvolverase o terceiro e último panel da tarde baixo o título Estratexias de éxito na produción de contidos, que inclúe a celebración de dúas keynotes.
A primeira, Keynote TVG, realizaraa o director de Proxección Social da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), Xaime Arias, mentres que a Keynote Movistar Plus+ correrá a cargo da responsable de Series Orixinais nesta plataforma, Susana Herreras. Ambos os profesionais presentarán a estratexia de contidos das súas respectivas compañías e o seu compromiso co sector audiovisual.