O Clúster Audiovisual mostra ao sector os instrumentos dispoñíbeis para a súa transformación tecnolóxica

luns, 17 de febreiro do 2025 S. P.

O Clúster Audiovisual Galego celebrou o pasado venres na Coruña, 14 de febreiro, unha xornada de presentación da Sociedade Española para a Transformación Tecnolóxica, na que se deron a coñecer os instrumentos de apoio que a SETT ten previstos para o sector audiovisual.
O presidente do Clúster, Alfonso Blanco, deu a benvida aos case cincuenta profesionais do sector audiovisual que asistiron á sesión, celebrada no edificio CSA da Cidade das TIC, antes de dar paso ao director xeral da SETT, Javier Ponce, encargado de explicar en que consisten as dúas principais liñas que a entidade pública estatal ten previstas para o sector audiovisual: o financiamento de proxectos audiovisuais e o coinvestimento en empresas audiovisuais. Sinalaron que ambas liñas suman máis de 1.500 millóns e nútrense de fondos europeos no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliciencia.
Ao encontro asistiron, entre outros, o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; o director da área de Competitividade do IGAPE, Norberto Penedo, e o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral. Tamén estiveron representados os tecidos empresariais audiovisual e TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) galegos a través dalgunhas das empresas máis importantes destes dous sectores.
A SETT é unha entidade pública empresarial, adscrita ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, para o financiamento e o investimento en tecnoloxías avanzadas e transformadoras vinculadas á transformación dixital, ás telecomunicacións, á microelectrónica, aos semicondutores, ás novas tecnoloxías dixitais disruptivas ou ao sector audiovisual. Esta sociedade encargarase de executar os fondos: PERTE Chip, Next Tech Fund e o Spanish Audiovisual Fund, como instrumentos orixinais de implementación dos fondos PRTR nos sectores da súa competencia.