O Clúster TIC Galicia adxudica a Zabala o servizo de consultoría do seu Plan Director

xoves, 27 de febreiro do 2025 S. P.

O Clúster TIC Galicia vén de adxudicar á firma tecnolóxica Zabala Innovation a contratación dun servizo de consultoría para a elaboración do Plan Director da Industria das Tecnoloxías da Información e a Comunicación. A consultora internacional, referente na estratexia de innovación e financiamento da I+D+i, terá que apoiar á entidade na recollida de información, redacción e aprobación desta folla de roteiro estratéxica para o sector tecnolóxico galego.
Ademais, deberá realizar as seguintes tarefas: elaborar o plan director da industria das TIC, acompañar ao Clúster TIC Galicia nos trámites e incorporar as modificacións que poidar xurdir ata a súa aprobación no Consello da Xunta; e investigar instrumentos financeiros públicos, presentes e futuros, que apoien a implementación das medidas recollidas no plan director.
As empresas concursantes cuxas propostas non resultaron escollidas na contratación teñen ata hoxe, 27 de febreiro de 2025 para presentar calquera tipo de alegación.