O Clúster TIC Galicia amosa os resultados do seu proxecto IoT

martes, 29 de marzo do 2016 Redacción

Este xoves 31 de marzo, ás 11.00 horas, vaise desenvolver no Edificio CEM da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela) un encontro para amosar os resultados da iniciativa IoT que coordinou o Clúster TIC. Trátase do proxecto de estudo de plataformas de Internet das Cousas (IoT) que impulsou a devandita entidade empresarial galega xunto coas empresas socias Itelsis, Plexus e R. Este proxecto foi financiado no marco da convocatoria do Programa de Axudas a Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI), do Ministerio de Industria. Lembrar que a iniciativa encamiñouse a avaliar polo miúdo unha serie de plataformas IoT baseadas en código aberto ou privativas, co fin de “acadar unha serie de pautas e recomendacións á hora de aplicar as devanditas plataformas aos produtos das nosas empresas”, sinala o Clúster.
Durante a presentación está previsto expoñer unha breve introdución ao proxecto (detallando os seus obxectivos e as actividades levadas a cabo), amosar os resultados da análise e estudo das principais plataformas de IoT seleccionadas (incluíndo unha visión sobre compoñentes tecnolóxicos específicos das mesmas) e debullar os principais escenarios de uso de aquelas, tendo en conta o nivel de investimento necesario para a implantación das plataformas. A xornada será exclusiva para socios do Clúster TIC e os interesados en participar deben confirmar asistencia até o mércores 30 de marzo contactando co Cluster TIC Galicia (881 939 651 ou info@clusterticgalicia.com).

PUBLICIDADE