O Clúster TIC Galicia busca oportunidades de negocio na outra beira do Atlántico

mércores, 26 de marzo do 2025 S. P.

Unha delegación de nove empresas do Clúster TIC Galicia participa na misión comercial a Florida, organizada polo ICEX España Exportación e Investimentos, Red.es e a Cámara de Comercio da Coruña, co obxectivo de explorar oportunidades de negocio no continente americano.
A delegación do Clúster TIC está formada polas empresas galegas Quobis, Councilbox, APDTIC, Bimbio, Dos Espazos, Librebit, Hacce, Beditas e Coinscrap Finance, que xa desembarcaron en Miami para asistir a eMerge Americas, unha das citas de referencia do emprendemento tecnolóxico dos Estados Unidos, que se celebra o 27 e 28 de marzo. Este evento busca conectar startups e empresas con investidores e socios internacionais, e nesta edición porá o foco en temáticas como a ciberseguridade, a Intelixencia Artificial, a computación cuántica, a tecnoloxía financeira (fintech) ou a eSaúde (eHealth).
“Desde o Grupo de Traballo de Internacionalización do Clúster identificamos unha serie de países clave para compañías do sector, e un deles é os Estados Unidos. Neste sentido, Florida constitúe un punto de entrada idóneo para expandirse tanto a este país como a Latinoamérica”, sinala Iago Soto, co-fundador de Quobis e un dos coordinadores do grupo, xunto a Agustín Tourón, fundador de Councilbox.
Este é o segundo ano consecutivo que o equipo coordina a comitiva galega xunto á Cámara de Comercio da Coruña, con catro empresas que repiten experiencia: Quobis, Councilbox, Librebit e APDTIC. A delegación ao completo formará parte do Pavillón de España que o ICEX e Red.es situarán en eMerge Americas, onde compartirán espazo con outras sesenta firmas procedentes de Madrid, Valencia e Castela-A Mancha.
Neste escenario manterán reunións individuais con diferentes axentes de interese do ecosistema tecnolóxico internacional. Pola súa banda, Coinscrap Finance participará, ademais, no eMerge Global Startup Accelerator Showcase, onde 100 novas firmas innovadoras (startups) de todo o mundo competirán por un premio de investimento, programas de mentoring e oportunidades de networking.
No marco da feira, as asociadas tamén acudirán a eventos paralelos, como o encontro no Consulado Xeral de España, ou a xornada centrada no ecosistema emprendedor de Miami, que será este 26 de marzo no AI Center do Miami Dade College. Nesta convocatoria daranse cita representantes do Miami-Dade Beacon Council, unha organización clave para o crecemento e a expansión de empresas nos Estados Unidos, fondos de capital risco e emprendedores, entre outros.
Ademais, desde o propio Grupo de Traballo do Clúster TIC organizan un evento especial, a Galicia IT Party, unha xornada de networking ao redor da tecnoloxía e a innovación, que congregará ao colectivo galego empresarial de Miami.