O Clúster TIC Galicia incrementa nun 40% o seu volume de asociados
xoves, 7 de agosto do 2025

- Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia
O Clúster TIC Galicia vén de confirmar un incremento do 40% no seu volume de socios nos últimos tres anos, dato que en palabras da agrupación “reflicte unha evolución positiva e sostida dende o período prepandémico”.
No balance engádese que “dende 2022 ata hoxe, a cifra de asociados ascende a 148, entre pequenas e grandes empresas, centros tecnolóxicos, colexios profesionais e asociacións sectoriais que, en conxunto, representan unha facturación superior aos 1.200 millóns de euros e empregan a máis de 17.500 profesionais”.
Este ano, apuntan dende a directiva entidade, “observamos un notable crecemento nas incorporacións, un feito que atribuímos á redacción do Plan Director da Industria das TIC, que estamos a desenvolver de forma consensuada co ecosistema tecnolóxico galego e en colaboración coa Consellería de Economía e Industria, co obxectivo de definir o futuro do sector”, explicou Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia, engadindo que ademais desta iniciativa estratéxica, o organismo está a promover outras accións clave para dar resposta aos principais retos que afronta o sector, como a captación de talento ou a capacitación técnica. Nesta liña, o pasado 31 de xullo concluíu o primeiro curso do proxecto piloto de FP Dual Multiempresa intensiva, que puxo en marcha a entidade en colaboración co IES Wirtz Suárez da Coruña.
O obxectivo é “asumir a formación práctica do alumnado (con clases maxistrais na Cidade das TIC o primeiro ano, e a súa incorporación a empresas socias no segundo) para que traballen en proxectos reais, de xeito que se poida minimizar o tempo e inversión que esixe a súa formación ás propias compañías”.
Así mesmo, o Clúster TIC Galicia está a recoller as necesidades de capacitación dos seus asociados de cara ao deseño dun novo Plan Formativo, a través da renovación do convenio coa Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego. Estes cursos, que se desenvolverán entre outubro de 2025 e xuño de 2026, buscan mellorar as competencias que require o mercado laboral en áreas como a IA, as tecnoloxías cuánticas, a conectividade ou a robótica, entre outros.
O Clúster engade que en datas vindeiras estreará tamén unha nova web que permitirá conectar ofertas laborais de empresas asociadas con demanda de emprego, ademais de dispoñer dunha xanela única para xestionar solicitudes de produtos e servizos das compañías que forman parte do Mapa TIC.
Outro ámbito no que está a poñer o foco o Clúster TIC Galicia é a Área de Internacionalización. A través do seu grupo de traballo homónimo, e grazas á colaboración con diferentes organismos como o ICEX, as cámaras de comercio galegas e o IGAPE, este ano organizáronse distintas iniciativas para impulsar e consolidar o papel das empresas galegas no exterior e expandirse a novos mercados.
Neste sentido, no último semestre, unha delegación de nove empresas socias participou nunha misión comercial a Florida para explorar oportunidades de negocio no continente americano. Así mesmo, máis dunha decena de organismos de transformación dixital e financeiros procedentes de Latinoamérica e Estados Unidos visitaron Galicia para amosar o potencial tecnolóxico galego, captar investimentos e establecer posibles pontes de colaboración.
Ademais, a entidade participou nas feiras de emprego de Bos Aires (Arxentina) e Montevideo (Uruguai), organizadas pola Xunta de Galicia, no marco do Programa Retorna Cualifica Emprego 2025 para atraer talento tecnolóxico.
Por outra banda, nos vindeiros meses, está previsto que varias compañías participen nas feiras tecnolóxicas de GITEX Dubái e Madrid Tech Show, que se celebrarán en outubro.
“Tamén reforzamos o Departamento de Proxectos, de xeito que os asociados estean ao día de todas as convocatorias a nivel autonómico, nacional e internacional que lles poidan interesar ou nas que poidamos concorrer de forma conxunta”, apunta Antonio Rodríguez del Corral, que engade: “Por iso, canto maior sexa o número de organizacións ás que representamos, maior será o peso que teremos á hora de acadar certos obxectivos ou demandas”.
