O Clúster TIC Galicia participa nas feiras de emprego de Bos Aires e Montevideo

xoves, 6 de marzo do 2025 S. P.

O Clúster TIC Galicia participa, xunto a unha delegación de empresas socias, nas feiras de emprego de Bos Aires (Arxentina) e Montevideo (Uruguai), organizadas pola Xunta de Galicia entre o 6 e o 10 marzo, no marco do Programa Retorna Cualifica Emprego 2025. O obxectivo, en palabras da agrupación empresarial galega, é “atraer talento tecnolóxico interesado en integrarse no mercado laboral de Galicia, co foco posto nos galegos residentes no exterior que desexen regresar á súa terra”.
A misión comercial está integrada por Dimensiona, consultora especializada na prestación de servizos no ámbito das TIC; Macrotest, organización que ofrece servizos TI e solucións de negocio innovadoras; Imatia, experta en desenvolvemento de software para a mellora da produtividade; GBTEC, provedora de software de xestión e automatización de procesos de negocio e gobernanza, risco e cumprimento; Catemo, consultora de RRHH; e Campus Dual TIC, o portal educativo impulsado polo propio Clúster.
Durante a súa viaxe a Arxentina e Uruguai, o Clúster TIC Galicia aproveitará para captar aqueles perfís con maior demanda entre as súas compañías socias, así como manter reunións con diferentes axentes estratéxicos, partners ou posíbeis clientes potenciais.
A feira de Bos Aires celebrarase esta semana (este xoves e este venres, 6 e 7 de marzo) no Centro Español da capital arxentina e a de Montevideo será o 10 de marzo no Hotel Raddison Victoria Plaza.
Con carácter paralelo, a Xunta está a difundir tanto os eventos como as ofertas de traballo vacantes a través do portal do Programa Retorna Cualifica Emprego coa finalidade de programar, con carácter previo, as reunións das diferentes xornadas.
Ademais das entrevistas aos candidatos, as feiras, nas que tamén estarán presentes outras agrupacións de empresas de Galicia, contan cun amplo programa de relatorios relacionados co emprego e as oportunidades laborais na nosa comunidade.