O Clúster TIC Galicia pon en marcha a primeira experiencia de FP Dual multiempresa na Cidade das TIC

xoves, 22 de maio do 2025 S. P.

O Clúster TIC Galicia, en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, está a executar na Cidade das TIC (na antiga Fábrica de Armas da Coruña agora convertida en polo de coñecemento e emprendemento tecnolóxico-dixital) un programa piloto de FP Dual multiempresa co obxectivo de “favorecer a incorporación fluída do alumnado nas empresas do sector tecnolóxico”.
Ata o 31 de xullo, as e os 16 estudantes do ciclo de Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma do IES Fernando Wirtz da Coruña (unha das titulacións con maior taxa de inserción laboral, segundo o Observatorio das Ocupacións do SEPE), recibirán capacitación técnica no Centro de Servizos Avanzados a través de titores do propio Clúster TIC Galicia, de empresas asociadas e do Campus Dual TIC, unha das iniciativas da entidade para formar talento.
O Clúster explica que este modelo experimental de FP Dual multiempresa busca dar resposta á dificultade que supón a integración do alumnado de primeiro curso nas firmas tecnolóxicas. “Cando se incorporan a unha compañía, os estudantes demandan moita atención, e iso dificulta a súa inserción, sobre todo, nas pemes”, sinala Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia, engadindo que “para paliar este problema, o Clúster está a asumir a etapa preliminar da súa formación práctica, na que teñen que realizar un proxecto real de desenvolvemento TIC”. Nunha segunda fase contémplase a súa incorporación a empresas socias como Aldaba, Cinfo, Macrotest, Plexus Tech ou Luckia, e outras entidades como Texas Controls e o Club de Tenis da Coruña, onde adquirirán experiencia complementaria nunha contorna profesional TIC.
“Todos estamos de acordo en que hai que mudar cara modelos de aprendizaxe hands-on, nos que o alumnado aprenda facendo. O reto das TIC está en preparar ao estudante de forma que poida asumir tarefas sinxelas sen interferir na dinámica da empresa, que opera nunha contorna ultracompetitiva e tecnoloxicamente moito máis complexa ca aquela coa que está familiarizado o alumno durante a súa formación en FP”, sinala del Corral.
O presidente do Clúster considera que “para reducir riscos e incrementar o atractivo da FP Dual para as pemes, o obxectivo é crear unha escola hands-on no sector TIC, onde a formación teórica dos centros educativos se complemente cunha experiencia práctica real nunha contorna como a que ofrece o Clúster antes de incorporarse á contorna empresarial”.
Con esta fórmula, o alumnado capacítase desde o primeiro ano, ademais de cotizar á Seguridade Social durante toda a súa estadía práctica. As compañías asumen o 46% das horas da formación curricular -920 en total- contribuíndo á preparación integral dos futuros técnicos superiores en Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma.