O Clúster TIC Galicia reforza a súa directiva coa incorporación de Cinfo, Altia, APDTIC, Imatia e Xoia

venres, 16 de outubro do 2020 S. P.

Tino Fernández, co-fundador de Altia, é o vicepresidente do Clúster TIC de Galicia

A xunta directiva do Clúster TIC Galicia fortaleceuse no arranque do novo mandato de Antonio Rodríguez del Corral e o seu equipo, que, como lembraremos, foi reelexido presidente da alianza empresarial galega a comezos deste mesmo mes de outubro. Máis polo miúdo, a directiva reforzouse coa incorporación de cinco empresas tecnolóxicas: Cinfo, Altia, APDTIC, Imatia e Xoia, que se suman ás doce que repiten da anterior etapa. A primeira reunión do renovado Comité de Dirección (CODI), celebrada este mércores 14 de outubro, aprobou a configuración do novo organigrama, no que Antonio Rodríguez del Corral, presidente de Cinfo, repite como presidente do Clúster TIC ao liderar a única candidatura presentada ás eleccións do organismo.
Na nova configuración nomeouse vicepresidente a Constantino Fernández Pico, presidente e co-fundador de Altia, mentres que Francisco Javier Rodríguez Martínez, do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), e Gerardo García (Itelsis) repiten como secretario e tesoureiro, respectivamente. Nesta nova andaina mantense a vicepresidencia de Grandes e Pequenas Empresas, a primeira recaerá en Fernández Pico e a segunda en Santiago Paz. O obxectivo, segundo fixeron saber as novas incorporacións, é “dar continuidade ás liñas de actuación”.
Todos os integrantes do comité asumiron competencias en diferentes áreas de traballo estratéxicas desta nova lexislatura como a xestión das relacións con Hubs de Innovación e os Centros Tecnolóxicos de Galicia, axudar aos socios a prepararse ante os recentes impactos lexislativos e cambios na organización do traballo, desenvolver o proxecto Cidade das TIC, o mapa de capacidades dos socios do Clúster TIC, entre outros.
Das dezasete empresas que forman parte do Comité de Dirección, conforman o grupo das Grandes Altia, Bahía, Everis, Idom, Imatia, Plexus, R e Satec. As Pequenas son APDTIC, CPEIG, Dos Espacios, Itelsis, Librebit, Sixtema, Visual Publinet e Xoia. A elas súmase a empresa da presidencia, Cinfo. Cada unha delas ten un voto no CODI. Este órgano segue aberto á participación dos socios, que poderán aportar as súas iniciativas ou opinións e participar nas diferentes áreas de traballo, de forma presencial ou telemática, coma na anterior etapa.
Durante os vindeiros tres anos, os obxectivos prioritarios continúan a ser o impulso dos proxectos da Cidade das TIC e de Galicia Turistic, dous proxectos cun alto potencial para o futuro da entidade; a internacionalización das empresas socias e o apoio ao desenvolvemento dos devanditos Hubs de Innovación. Nesta nova etapa, Rodríguez del Corral e o seu novo equipo traballarán para dar “un novo pulo” ao sector tecnolóxico galego, materializando un programa ambicioso centrado en impulsar as TIC galegas nun novo ciclo económico marcado pola transformación dixital.

PUBLICIDADE