O Cluster TIC achega un seminario en liña sobre o impacto no sector dos novos regulamentos

venres, 17 de abril do 2026 S. P.

O Clúster TIC Galicia, en colaboración con DATAlife, organiza un webinario sobre o impacto para o sector tecnolóxico galego da Lei de Mercados Dixitais (DMA) e a Lei de Servizos Dixitais (DSA). Celebrarase o vindeiro mércores 29 de abril ás 16.00 horas. As inscricións están abertas.
Esta sesión pechará o ciclo de conferencias posto en marcha pola entidade o pasado mes de febreiro, co propósito de analizar os retos e oportunidades que presenta a nova regulación europea no ámbito dixital para ecosistema TIC, ofrecendo unha visión práctica e clara sobre o seu impacto no tecido empresarial, a través de diferentes especialistas.
Durante o encontro abordaranse dúas normativas fundamentais: a Lei de Mercados Dixitais (Digital Markets Act), que regula a competencia e o acceso neste ámbito, e a Lei de Servizos Dixitais (Digital Services Act), centrada nos contidos en liña, a publicidade, a xestión da información e a seguridade nas plataformas.
O Clúster TIC explica que ambos marcos legais están a redefinir o funcionamento das plataformas dixitais, a publicidade en Internet e as condicións de competencia no ecosistema tecnolóxico, por iso, na sesión analizaranse os principais retos de cumprimento e as oportunidades que este novo contexto abre para o sector TIC galego.
O webinario estará moderado por Andrés Sastre, director de proxectos do Clúster TIC Galicia, e contará coa participación de profesionais de referencia na materia da Comisión Europea:
-Ángela Dovalo e Isabel Álvarez, instrutoras de casos na Dirección Xeral de Competencia (DG COMP), especializadas na aplicación da DMA e na defensa da competencia no ámbito dixital.
-Carlos Saura, oficial xurídico na Dirección Xeral de Redes de Comunicación, Contido e Tecnoloxía (DG CONNECT), e responsable da aplicación da normativa e cumprimento das leis de DSA e de DMA.
Para as empresas TIC, este novo contexto normativo supón un reto de adaptación relevante, pero tamén unha vía de posicionamento estratéxico. “Esta conferencia constitúe unha oportunidade para comprender en profundidade o alcance destas normas, resolver cuestións clave e identificar tendencias no novo escenario dixital europeo”, informa o Clúster TIC.