O Clúster TIC colaborará coa AMTEGA na actualización do noso mapa de capacidades TIC
luns, 7 de xuño do 2021
A
directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
(AMTEGA), Mar Pereira e o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio
Rodríguez del Corral, veñen de formalizar un acordo de colaboración
para a posta en marcha de actividades para o fomento da sociedade
dixital no ano 2021. O convenio, enmarcado dentro da Estratexia
Galicia Dixital 2030, alíñase cos obxectivos de promover a
adaptación do tecido económico e profesional ás novas correntes de
transformación e dixitalización. Inclúense iniciativas como a
actualización do mapa de capacidades TIC ou o deseño dun portal de
emprego tecnolóxico.
Mapa
de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia
O
Clúster TIC colaborará coa AMTEGA no deseño e recompilación de
datos para a actualización do Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de
Galicia. “Esta colaboración permitirá unha comunicación máis
áxil coas empresas e entidades galegas que estarán presentes neste
catálogo”, explicaron os representantes das dúas entidades,
engadindo que “esta ferramenta ten o obxectivo de servir de
conexión entre os provedores tecnolóxicos e de coñecemento TIC e
de facilitar a súa relación con entidades doutros sectores que
precisen novas ferramentas dixitais”.
Portal
único de emprego TIC en Galicia
Co
gallo de apostar polo talento e a súa incorporación no tecido
produtivo das TIC, o Clúster TIC aportará o seu coñecemento e o
dos seus asociados para o deseño conceptual dun portal único de
emprego TIC en Galicia que “permita a ofertantes e demandantes
tanto atopar de xeito máis sinxelo ós perfís máis demandados coma
ter máis accesíbel unha porta de entrada ao sector”, explicaron.
Difusión
de eventos do centro GaiasTech
Amais
de todo o devandito, o Clúster TIC colaborará coa AMTEGA nas
“actuacións de difusión que faciliten a visibilidade do sector
tecnolóxico así como na promoción do uso dunha infraestrutura de
referencia como é o GaiasTech que se abrirá nas vindeiras semanas
na Cidade da Cultura”. Neste senso, o obxectivo é que GaiasTech
sexa o centro de referencia da transformación dixital en Galicia.