O Clúster TIC colaborará con Emigración para favorecer o retorno de profesionais

luns, 22 de outubro do 2018 Redacción

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, reuniuse hoxe co presidente do Clúster das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) de Galicia, Antonio Rodríguez Corral, co obxectivo de afondar conxuntamente en posíbeis colaboracións que axuden a impulsar o retorno de galegas e galegos á súa terra, redundando no fortalecemento do noso tecido emprendedor e innovador.
Na cita, que se celebrou en Santiago, os responsábeis das ditas entidades estudaron os obxectivos en común das mesmas co fin de procurar optimizar os recursos cos que contan. A idea é empregalos para evitar a fuga de talento innovador, facilitando o camiño laboral e de emprendemento das persoas que regresen.
Segundo fixeron saber, trátase da primeira xuntanza entre os representantes de ambos órganos de carácter autonómico. Trala cita o secretario xeral explicou que a apertura desta nova vía de cooperación arredor do sector TIC e dos seus integrantes presentes e futuros, insírese nas políticas de fomento do emprego e captación de talento incluídas na Estratexia Retorna 2020, aprobada o pasado 12 de abril polo Consello da Xunta.

PUBLICIDADE