O Clúster TIC e a Xunta traballarán para conectar oferta con demanda de emprego

xoves, 22 de xuño do 2023 S. P.

O Clúster TIC Galicia adheriuse ao sistema de difusión de ofertas de traballo posto en marcha pola Xunta co que se busca conectar oferta coa demanda laboral para dar resposta ás vacantes do mercado de traballo. Isto foi posíbel tras un protocolo de adhesión a esta iniciativa do Goberno galego. Tras a formalización do acordo, o Clúster TIC poderá achegar as súas ofertas de traballo ás oficinas de emprego de Galicia. O obxectivo é optimizar o papel intermediador da alianza galega de empresas TIC.
Máis en detalle, a adhesión a este sistema “busca casar oferta de postos coa demanda para favorecer que o tecido empresarial atope as persoas coas competencias máis axustadas ás súas necesidades, e de que as persoas demandantes de emprego accedan a un posto de traballo adecuado ao seu perfil profesional”.
A Administración autonómica está a levar a cabo estas actuacións no marco da modernización tanto das oficinas de emprego (investindo en equipamento, realizando obras de mellora e adquirindo novas infraestruturas, para o que se están a destinar este ano máis de 3 M€) e na súa dixitalización. A maiores, o Goberno galego está a implementar nas oficinas de emprego unha nova ferramenta tecnolóxica EMi (Emprego Intelixente), baseada na Intelixencia Artificial que permitirá axustar en tempo real as demandas de man de obra do tecido produtivo aos perfís das persoas demandantes rexistradas polo servizo público. “Trátase de aproveitar as posibilidades que brindan a Intelixencia Artificial e a analítica avanzada para favorecer a xeración de máis e mellor emprego en Galicia”, salientou recentemente o Goberno autonómico.

PUBLICIDADE