O Clúster TIC e as súas empresas socias participan activamente na feira tecnolóxica Gitex Global en Dubái
mércores, 22 de outubro do 2025
Do 13 ao 17 de outubro tiña lugar en Dubái unha das feiras tecnóxicas máis importantes a nivel internacional, trátase de Gitex Global. Alí estiveron o Clúster TIC Galicia e as súas empresas socias cun resultado moi positivo da súa participación. CTL, Situm, Quobis, 2bedigital, Inverbis Analytics e Tarlogic, as seis compañías presentes no evento ao abeiro da entidade, coinciden en salientar o alto nivel de oportunidades xeradas, tanto en termos de negocio como de posicionamento estratéxico en mercados clave como Oriente Medio e África.
Valoran esta experiencia como un impulso para a súa internacionalización e expansión na rexión Europa, Oriente Próximo e África (EMEA) tras o fortalecemento de alianzas e a apertura de novas canles de distribución. "A nosa intención en Gitex Global era achegarnos á zona de Oriente Medio e África", sinala Maruxa Ledo, general manager de CTL. E o seu paso pola feira foi máis que satisfactorio: "Asinamos un contrato cun dos distribuidores máis importantes de EMEA, polo que o noso obxectivo é comezar a distribuír nos vindeiros días na zona".
Dende Situm, o seu vicepresidente e cofundador, Gregory Botanes, afirma que o evento foi un escaparate perfecto para presentar os progresos de GAIA (Geospatial Assistance for Intelligent Acknowledgment), unha solución que busca transformar a xestión da información xeoespacial en interiores, mellorando a eficiencia operativa e a experiencia dos usuarios en grandes edificios.
Pola súa banda, Quobis aproveitou a súa presenza na feira para presentar as súas solucións de ciberseguridade en redes de voz e xestionar problemas como o spam telefónico, as estafas e fraudes ou a suplantación de identidade. "Captamos o interese dalgúns operadores do Golfo, ademais de identificar boas oportunidades de distribuidores", destaca Iago Soto, CEO da empresa.
Pablo Borrás, CEO & Founder de 2bedigital cualifica o seu paso por Gitex Global como "todo un éxito". "Mantivemos máis de 25 reunións con empresas de distintos sectores -especialmente do retail e axencias de relacións públicas- interesadas nos nosos servizos de performance márketing e en solucións tecnolóxicas como Click2Try e Boostic", revela.
Gonzalo Martín, CEO de Inverbis Analytics, asegura que foi unha oportunidade perfecta para consolidar o contacto cos leads abertos en Emiratos e asegurar a súa continuidade. "Mantivemos reunións con potenciais partners e clientes en Dubái, Abu Dabi e Arabia Saudita, profundando no coñecemento do sistema sanitario local. Regresamos coas bases para despregar unha rede de proximidade ao cliente e un modelo de soporte rexional", declara.
Tarlogic coincide co resto de firmas en que a súa participación en Gitex Dubái marcou un "punto de inflexión" na súa estratexia na rexión de Middle East. "Durante o evento, puidemos manter encontros con novos partners e clientes estratéxicos", sinalan desde a compañía, o que lles permite fortalecer a súa presenza e ampliar os seus servizos neste mercado clave.
