O Clúster TIC equipa de competencias dixitais a máis de 2.000 persoas dende maio
venres, 5 de agosto do 2022- Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TiC Galicia
O
Clúster TIC Galicia vén de dotar de competencias dixitais a 2.048
persoas dende o mes de maio a través do plan formativo centrado nas
TIC, que impulsa en colaboración coa Consellería de Promoción do
Emprego e Igualdade da Xunta. “Isto”, explicou a alianza de
empresas galegas do sector dixital, ”supón a execución de máis
do 50% do orzamento achegado, que ascende a 1,8 millóns de euros, e
cuxo investimento total se prevé efectuar antes do 30 de novembro
deste ano”.
O
programa abrangue preto de 80 cursos de balde dirixidos a
traballadores, autónomos e desempregados, co obxectivo de “cumprir
coas súas aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento
persoal, así como mellorar as súas competencias e habilidades
tecnolóxicas para dar resposta ás necesidades actuais do mercado”.
A
oferta formativa, que se imparte en tres modalidades (en liña, a
través dunha aula virtual ou combinando ambas posibilidades), está
centrada no ámbito tecnolóxico, con cursos sobre Intelixencia
Artificial, análise de información a gran escala (Big Data),
ciberseguridade, desenvolvemento e analítica web, programación,
bases de datos, solucións de código aberto (open source),
bootcamps, ademais de distintos niveis de idiomas e
habilidades de xestión e vendas.
Con
esta iniciativa, o Clúster TIC Galicia pretende ofrecer unha
formación upskilling, reforzando as habilidades que xa teñen
os traballadores, e reskilling, para a adquisición de novas
competencias por parte do alumnado.
Para
a execución deste convenio, a entidade estase a apoiar na bagaxe de
provedores formativos tan destacados como Femxa e Gdoce, que están a
colaborar na xestión, organización e impartición das accións
formativas incluídas no proxecto.
Este
programa está enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e
Resiliencia, financiado polo Ministerio de Educación e Formación
Profesional, os fondos Next Generation da Unión Europea e a
Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta.