O Clúster TIC lanza a súa oferta formativa para 2025

mércores, 18 de decembro do 2024 Redacción

O Clúster TIC Galicia abriu o prazo de solicitude para os cursos en materia tecnolóxica da nova convocatoria do seu plan formativo, que se desenvolverá de xaneiro a marzo de 2025. A través deste programa, este ano cualificáronse un total de 4.753 persoas e impartíronse 192 cursos, sendo os máis demandados os de ChatGPT para profesionais, Project Management Professional (PMP) e hacking ético.
No primeiro trimestre de 2025, está previsto formar a 3.000 novos empregados e persoas desempregadas mediante 70 accións formativas, gratuítas e en liña, impartidas por profesionais en activo e expertos nas distintas materias. As temáticas abordadas van desde a intelixencia artificial ata a ciberseguridade, pasando por programación avanzada, desenvolvemento web e de aplicacións ou metodoloxías agile.
O plan, que xa vai pola súa quinta edición, é froito dun convenio de colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta por un importe de 3,1 millóns de euros, para o período comprendido entre xaneiro de 2024 e marzo de 2025.
Está dirixido a autónomos, traballadores adscritos a un centro de traballo na nosa comunidade e persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia. O obxectivo é mellorar as súas competencias e habilidades tecnolóxicas e transversais, incentivar a promoción profesional e promover o talento tecnolóxico para dar resposta á demanda das empresas e cubrir as necesidades actuais do mercado laboral.