O Clúster TIC ofrecerá a metade da formación da FP Dual de aplicacións do IES Fernando Wirtz Suárez

martes, 3 de setembro do 2024 S. P.

O Clúster TIC Galicia ofrecerá preto do 50% da formación curricular da FP Dual de Desenvolvemento de aplicacións multiplataforma do IES Fernando Wirtz Suárez da Coruña, considerada unha das titulacións con maior empregabilidade segundo o Observatorio das Ocupacións do SEPE. Catro empresas integradas no Clúster, Aldaba, Cinfo, Plexus Tech e Luckia formarán así ao alumnado deste ciclo formativo, de 2.106 horas de duración, e cuxas prazas, 16 en total, xa están cubertas.
“O obxectivo é que os estudantes entren en contacto con proxectos reais en empresas tech dende o primeiro ano para aumentar a súa produtividade e facilitar a súa inserción laboral da forma máis inmediata posíbel”, sinalou Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia e director executivo (CEO) de Cinfo.
Engadiu que esta colaboración forma parte da estratexia da entidade, que “ten en marcha diversas accións para aumentar o talento tecnolóxico na comunidade, un problema que acusa o sector”. A través deste convenio, dixo, “queremos que o Clúster TIC Galicia actúe como intermediario, capacitando de forma práctica ao alumnado antes da súa incorporación a compañías do sector”.
O primeiro ano académico, 2024-2025, as e os estudantes recibirán formación técnica na Cidade das TIC durante dous meses e medio, de maio a xullo, e o segundo curso, 2025-2026, a partir de febreiro de 2025, traballarán durante seis meses nas sedes de Aldaba, Cinfo, Plexus Tech e Luckia en diferentes proxectos.
“Este é a primeira vez que colaboramos nunha FP dual intensiva, pero a idea é estender o modelo a outros centros educativos que oferten ciclos similares noutras cidades de Galicia”, apunta del Corral, e engade: “Tamén esperamos que máis empresas socias do Clúster se sumen á iniciativa”.
O Clúster lembra que este lanzamento coincide coa implantación do novo sistema dual recollido na Lei da Formación Profesional, aprobada hai dous anos, tanto nos ciclos formativos de grao medio como nos de grao superior, así como nos mestrados (masters) de FP que contemplen prácticas. A partir deste curso, os alumnos formaranse no centro e na empresa desde o primeiro ano, ademais de cotizar á Seguridade Social durante toda a estadía práctica. Así mesmo, todos os ciclos contarán con novos contidos baseados na dixitalización, a sustentabilidade ou o emprendemento, aspectos clave para facilitar o acceso da mocidade ao emprego.
O Clúster TIC Galicia ten en marcha outras accións para promover o talento tecnolóxico, como o seu plan formativo, organizado en colaboración coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta, cuxa cuarta convocatoria está a piques de ver a luz, ou o Campus Dual TIC, unha iniciativa posta en marcha coas universidades galegas e Imatia para capacitar de forma áxil e práctica aos perfís dixitais máis demandados polas empresas tecnolóxicas.