O Clúster TIC organiza en outubro o evento Tech Angels Capital
martes, 10 de setembro do 2024
O Clúster TIC Galicia organiza en outubro Tech Angels Capital, un evento exclusivo e específico para conectar startups tecnolóxicas galegas con importantes investidores, incluíndo business angels e fondos de capital risco, interesados en impulsar o crecemento destas organizacións.
O encontro, que se celebrará o 28 e 29 de outubro na sede da Zona Franca de Vigo, conta coa colaboración da AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), do propio Consorcio, do IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica) e de Node Hub, e está aberto a todas aquelas empresas emerxentes con base en Galicia enfocadas no desenvolvemento, implementación ou aplicación de solucións tecnolóxicas innovadoras.
Tech Angels Capital tamén busca achegarse a fondos de capital risco, inversores, business angels e fondos de investimento en disposición de participar nos proxectos presentados co obxectivo de transformar, mellorar e promover o crecemento das novas firmas innovadoras que os impulsan.
Segundo informa o Clúster TIC, o obxectivo é “incentivar a cooperación e o crecemento do ecosistema emprendedor galego de alicerce tecnolóxico, facilitando o seu acceso a recursos clave, novas oportunidades de mercado e ao financiamento que necesitan para escalar”.
O programa estrutúrase en dúas xornadas. O primeiro día, os inversores e as startups poderán entrar en contacto dun xeito distendido, a través dun foro colaborativo onde se presentarán retos e propostas do panorama TIC local e internacional, así como de actividades gastronómicas e de ocio.
O segundo día será a quenda das sesións pitching e encontros 1to1, deseñados para facilitar conexións estratéxicas e maximizar o valor de cada interacción, ofrecendo unha oportunidade única para crear sinerxías e establecer acordos de colaboración entre investidores e startups.
Para poder participar no evento, as startups teñen que enviar a súa solicitude antes do 30 de setembro a través da web do Clúster TIC Galicia. No caso dos fondos de investimento, as firmas interesadas en asistir, poden dirixirse á entidade a través de info@clusterticgalicia.com ou no 881 939 651.
Un comité de expertos integrado por membros do Clúster TIC Galicia, a AMTEGA, o IGAPE e Node Hub será o encargado de analizar as solicitudes recibidas, seleccionando os proxectos máis prometedores baseándose en criterios de innovación, viabilidade e potencial de crecemento. As novas firmas innovadoras escollidas recibirán asesoramento previo para presentar da forma máis efectiva posíbel a súa proposta no encontro.